Chamada a secundar as folgas e mobilizacións do 16 e 17 ante a negativa do conselleiro a reunirse coas organizacións convocantes

A Consellaría de Educación anunciou que vai seguir negociando no marco da comisión de seguimento do acordo dúas cuestións que emendan directamente o que aparecía nese texto, tal e como leva pedindo a CIG-Ensino nestes dous anos de vixencia do mesmo.

A convocatoria de mobilizacións, pero sobre todo o feito de que foran secundadas maioritariamente polo profesorado, está a condicionar moito máis ese acordo que coa súa sinatura. Así pois, secundar a folga e participar nas accións de protesta faise aínda máis necesario ca nunca. A visibilización da situación do ensino público farase a través de marchas fúnebres que terán lugar mañá martes en 15 localidades galegas, unindo as reivindicacións de diferentes centros de ensino, e nunha manifestación a modo de enterro do ensino público en Compostela o mércores con saída ás 11:30 do Parlamento.

O feito de que o profesorado non teña dereito á negociación colectiva implica que a Consellaría de Educación poida aprobar medidas de todo tipo, tanto recortes como melloras laborais para o seu persoal, sen necesidade de contar co apoio da representación sindical, algo que non acontece, por exemplo, no ámbito das relacións laborais do sector privado. Isto tamén provoca que a Consellaría asine acordos, aínda que non son necesarios para levar a cabo a súa política, con organizacións absolutamente minoritarias (dúas delas nin sequera acadaron os votos mínimos para ter representación na Mesa Sectorial) para darlle aparencia democrática ás súas decisións. O anuncio esta semana de que se están negociando dúas cuestións baixo o paraugas da comisión de seguimento do acordo asinado por Rueda hai dous anos pero que superan o incluído nese texto, como demandou a CIG durante este tempo, demostra que o que realmente pode condicionar calquera avance son as mobilizacións do profesorado e non a sinatura do mesmo. 

As dúas cuestións, que foron filtradas a un medio de comunicación, teñen que ver coa baixada do horario lectivo nas outras ensinanzas diferentes a infantil e primaria, que quedaran fóra do acordo de 2023 supeditando a súa negociación á xornada de 35 horas semanais de todo o persoal da Xunta, e coa redución de ratios en secundaria, que se prevía que se comezaría a negociar o vindeiro curso, coincidindo co remate da implantación das ratios na etapa de infantil. Agora semella que se adianta ao vindeiro mes de xaneiro. Foi este anuncio o que fixo que esta mañá un grupo de 15 delegados e delegadas da CIG-Ensino e de STEG decidiran pecharse na Consellaría de Educación á espera de ter unha data para reunirse despois de que non respondese até en dúas ocasións a escritos enviados por rexistro electrónico e á entrega en man dos mesmos a semana pasada nun acto propagandístico dos que practicamente realiza cada día o seu departamento. A resposta hoxe foi na mesma liña que en ocasións anteriores. Tal e como relata a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, “o persoal do gabinete do conselleiro volveu dar escusas dicindo que teñen que estudar o documento presentado, que é apenas un folio e no que se resumían as demandas que o conselleiro coñece perfectamente porque son as que levaron ás tres xornadas de folga deste curso e ás mobilizacións que están protagonizando as Anpas. Insistimos en que non é de recibo que se deixe fóra ás organizacións que están convocando as mobilizacións, que é o que acontece en calquera conflito laboral como está facendo agora mesmo o SERGAS, e menos cando estas suman a maioría dos votos e persoas delegadas nas últimas eleccións sindicais, 11.179 e 77 respectivamente (CIG e STEG), fronte aos apenas 10.046 e 69 respectivamente das catro organizacións asinantes. 

Arroxo entende que esta actitude mantida no tempo por parte da Consellaría “é antidemocrática e ademais supón un desprezo aos miles de docentes que levan este curso mobilizándose e perdendo o seu salario para reclamar melloras laborais e que redunden no ensino público”. Así, chama a participar masivamente nas dúas novas xornadas de folga da vindeira semana que en moitos casos coincidirá con sesións de avaliación. Neste sentido -explicou aos medios-, “hai centros que veñen de celebrar claustros para decidir adiar estas sesións de avaliación até despois do Nadal, o que significa que o alumnado irá sen cualificacións este trimestre, outros nos que non se celebrarán estas sesións pero o alumando levará cualificacións igualmente... Estas son decisións que debe adoptar autonomamente cada centro para que tamén neste tema se teña en conta a opinión maioritaria e democrática do profesorado sen imposición por parte das inspeccións educativas”, indicou.

Marchas fúnebres nas localidades o martes 16 de decembro 

Coincidindo coas dúas xornadas de folga o martes e mércores próximos, o profesorado galego está chamado a secundar accións que socialicen este conflito. O día 16 haberá marchas fúnebres que percorrerán diversas localidades galegas con saída e paradas en centros educativos nos que se irán deixando crespóns negros e esquelas para simbolizar o enterro do ensino público. Até o momento o horario das que están confirmadas é o seguinte:

  • A Coruña: CEIP Alborada ás 11 horas (Rúa San José de Calasanz) con parada en diversos colexios e institutos até chegar á Xefatura Territorial de Educación no edificio da Xunta en Monelos
  • Ferrol: Local sindical da CIG ás 11 horas (Rúa Eduardo Pondal, 41-43) con parada en diversos colexios e centros até o IES Concepción Arenal (Rúa Cuntis, s/n). 
  • Compostela: Haberá dúas marchas, ambas con saída ás 10 da mañá. Unha desde a zona norte da cidade, en concreto desde o CEIP Monte dos Postes (Rúa das Fontiñas, 79) e outra desde o IES A Pontepedriña (Rúa de Amor Ruibal, 28) situado na zona sur. As dúas confluirán na Alameda compostelá despois de pasar por diversos centros educativos da cidade. 
  • Lugo: CEIP Illa Verde ás 10:30 horas (Rúa Roi Xordo, 2) con parada en diversos centros de ensino da capital lucense até chegar á Delegación Territorial da Consellaría en Lugo. 
  • Monforte: Saída do IES A Pinguela ás 10:30 horas con parada en varios centros e remate na EOI de Monforte (Rúa Calvo Sotelo, 65). 
  • Ourense: Conservatorio Profesional de Música ás 11 horas (Rúa Pablo Iglesias s/n) percorrendo diversos centros da cidade até a Delegación Territorial da Consellaría na provincia. 
  • Pontevedra: IES A Xunqueira 2 ás 10 horas (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 6) con percorrido por diversos centros até chegar ao IES Frei Martín Sarmiento (Avenida de Vigo, 23). 
  • Vigo: Vai haber dúas marchas fúnebres entre centros con saída ambas ás 10 horas. A primeira con saída do IES San Tomé (Avenida da Gran Vía, s/n) e remate no IES Santa Irene (Praza de América, 7). A segunda marcha sae do CEP Dr. Fleming (Rúa Ourense, 15) con remate no IES do Castro (Rúa José Gómez Posada Curros, 1). 

A continuación convócase unha MANIFESTACIÓN ás 12 da mañá polas rúas da cidade con saída do cruce de Urzáiz con Vía Norte (Vialia) até o cruce dos Catro Bancos. 

  • Na manifestación de Vigo está previsto que participe profesorado da comarca do Morrazo que previamente levará a cabo marchas nas distintas localidades e despois collerá o barco para achegarse até a cidade olívica e sumarse á manifestación das 12 horas. 
  • Cangas. 10 da mañá: saída do IES Monte Carrasco (estrada Coiro, s/n) pasando polo IES A Rodeira até a estación marítima. 
  • Moaña. 10 da mañá: Saída do IES A Paralaia (Rúa O Redondo s/n) con parada noutros tres centros da localidade e remate na estación marítima onde collerán o barco para asitir a Vigo. 
  • Bueu. 10 da mañá: ruta entre os centros IES Illa de Ons e o CEIP A Pedra que están os dous na mesma rúa, a Staffan Morling. O profesorado neste caso unirase posteriormente á marcha de Pontevedra. 
  • Redondela. 10 da mañá: Saída do IES Mendiño (Avenida Mendiño, 40) até a Casa do Concello. 
  • Gondomar. 10 da mañá: saída do IES Terra de Turonio (Avenida Campo da Feira s/n) e remate no mesmo centro con parada noutros dous. 
  • Viveiro. 9 da mañá. Concentración diante do CEIP de Covas.
  • Ponteareas. 19 horas. MANIFESTACIÓN desde o IES Val do Tea (Rúa Feliciano Barrera Fernández) até a Casa do Concello.

A CIG-Ensino anima a que se organicen outras marchas noutras localidades e lembra que é preciso pedir permisos para poder cortar o tráfico, polo que se hai dúbidas ao respecto o profesorado interesado debería poñerse en contacto co sindicato.  

Enterro simbólico do ensino público o mércores 17 en Compostela

Un día despois de que se aproben os orzamentos da Xunta e segundo día de folga, o mércores 17, a CIG-Ensino convoca ao profesorado a asistir masivamente a Compostela a unha manifestación na que se emulará o enterro do ensino público polas rúas da capital de Galiza. A protesta sairá ás 11:30 horas do Parlamento de Galiza, lugar escollido precisamente por ser onde se aproben as contas públicas da Consellaría de Educación para o vindeiro curso e que, se non hai cambios, priorizarán outros investimentos antes que o de maior contratación de persoal, medida que vai implícita na redución de ratios e horario que solicitan os sindicatos convocantes. Solicítase ás persoas asistentes que veñan vestidas de negro e que porten simboloxía mortuoria. A procesión fúnebre percorrerá as rúas de Compsotela até rematar diante da Consellaría de Educación coa lectura dun manifesto. 

O sindicato CIG agarda que a Consellaría rectifique antes destas dúas novas xornadas de folga pero, de non ser así, non abandonará as mobilizacións, tal e como anunciou desde comezos de curso, até conseguir avances reais tanto nas condicións profesionais do profesorado como do ensino público galego. Hoxe mesmo a súa secretaria nacional envioulle un correo á Confederación Anpas Galegas solicitando o seu apoio nas accións previstas para a próxima semana apelando a todas as demandas comúns que unen a familias, alumnado e profesorado.

Volver