Centros educativos quedaron fóra da convocatoria de axudas para os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Normalización lingüística

CIG-Ensino denuncia que moitos centros educativos quedaron fóra da convocatoria de axudas para os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística por mor da aplicación dunha norma moi estrita que non se corresponde cos criterios seguidos en cursos anteriores pola pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Axudas á Equipas de Normalización

Reproducimos o texto remitido á Consellaría:

"A CIG-Ensino vén de constatar que moitos centros educativos quedaron fóra da convocatoria de axudas para os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística por mor da aplicación dunha norma moi estrita que non se corresponde cos criterios seguidos en cursos anteriores pola pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 
Até a convocatoria deste ano, a Secretaría Xeral mantiña unha certa flexibilidade na recepción da documentación e aceptaba o rexistro de saída dos centros educativos como rexistro válido para estabelecer a data en que fora entregada a comunicación.
 
Porén, neste curso, moitos centros non puideron presentar a tempo a documentación porque, malia atinxir á administración educativa, as bases da convocatoria soamente se publican entre as convocatorias de Presidencia, o que dificulta a recepción da información. Ademais, modificouse o requisito de rexistro sen comunicárllelo aos centros, incrementando a burocracia e a duración dos trámites ao non se dar por por válido o rexistro de saída dos centros.
 
Non é lóxico que se muden os criterios para recepcionar a documentación en relación a anos anteriores sen informar debidamente aos centros e que isto se traduza en deixar sen dotación económica proxectos importantes para a normalización lingüística dos centros, recoñecidos pola propia Secretaría Xeral cando lles solicita a algún deses centros o seu proxecto para ser publicado. Medidas como esta só serven para dificultar o traballo dos Equipos, xa que non poderán levar adiante os seus proxectos, incidindo negativamente no proceso de normalización. Unha dificultade máis para o traballo que deben desenvolver os ENDL que non contan co debido apoio por parte da Consellaría de Educación para colaborar no desenvolvemento do Decreto 124/2007.
 
Resulta, tamén, preocupante que, despois de que a CIG-Ensino expusese esta problemática na Mesa Sectorial Docente a principios deste mes, a Administración continúe despreocupada e non tome ningunha iniciativa para solventar este problema. Sen lugar a dúbidas, é unha mostra máis do desleixo da Normalización Lingüística no ensino, pois non só imcumpre a aplicación do Decreto 124/2007 sobre a promoción e o uso do idioma nos centros escolares, senón que agora non lle importa que preto de 100 centros queden sen axuda para realizar as súas funcións normalizadoras.
 
 
Desde a CIG-Ensino, entendemos que non se pode producir unha modificación tal sen informar debidamente os centros. Por este motivo, a CIG-Ensino reclámalle que arbitre os mecanismos e medidas necesarias para que estes centros poidan participar das axudas destinadas aos Equipos e para que poidan levar a cabo o seu traballo en prol da Normalización Lingüística".

Volver