Centros educativos de Burela e do Vicedo reclaman solucións ás deficiencias estruturais e de dotación que padecen

A CIG-Ensino apoia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Vista Alegre, do IES Perdouro, do CEIP Plurilingüe Os Castros e do CEIP do Vicedo

Esta mañá celebrouse por quinto xoves consecutivo unha concentración da comunidade educativa no CEIP Vista Alegre de Burela e está prevista outra nesta localidade en breve para aglutinar as demandas de todos os centros.

A CIG denuncia o desleixo da Consellaría de Educación que levou a que estes centros educativos sufran graves deficiencias estruturais e no mobiliario. Este abandono continuado por parte da Consellaría provocou que alumnado e  profesorado estuden e traballen nunhas instalación deterioradas, non axeitadas, inseguras e que condicionan a actividade escolar.

No caso do CEIP O Vicedo, a comunidade educativa leva tempo denunciando a existencia de importantes problemas estruturais que afectan directamente ás condicións de ensino e aprendizaxe. Entre as principais eivas destacan o mal estado das ventás, o perigoso deterioro na parede do comedor, así como a presenza de pragas, posiblemente derivadas da couza. A falta de investimento por parte da Consellaría de Educación está a provocar un total deterioro das instalacións e unhas condicións indignas e perigosas para a saúde e a seguridade de alumnado e de profesorado.

Na mesma liña causada polo desleixo por parte da Consellaría, o CEIP Vista Alegre de Burela presenta numerosas carencias que evidencian a falla de investimento: deficiencias no peche exterior, barreiras de accesibilidade inaceptables nun centro de ensino público, problemas nos aseos e na fontanería, fugas de auga, ventás e persianas deterioradas…, así como múltiples danos nas zonas de xogo e no patio. A pista deportiva continúa sen cubrir, existen problemas nas instalacións eléctricas, os pavimentos e as paredes están deterioradas, con danos estruturais, aleróns en mal estado, e mesmo filtracións de auga e goteiras.

A esta situación súmase tamén a realidade do IES Perdouro, onde alumnado e profesorado levan anos sufrindo importantes problemas de accesibilidade, seguridade e deterioro das instalacións. O instituto non conta nin con ascensor nin con cadeira ou plataforma salvaescaleiras e carece de alternativas accesíbeis reais para o alumnado con mobilidade reducida. Mesmo a avaliación de pde riscos laborais realizada recentemente sinala os graves problemas de accesibilidade e os riscos asociados ás escaleiras do centro, que presentan baldosas esvaradías e perigosas. Ademais, a pista deportiva continúa sen cubrir nin perimetrar adecuadamente, o que limita a realización de actividades no exterior en condicións axeitadas. O centro, cuxos edificios datan de 1978, presenta tamén importantes necesidades de mellora da eficiencia enerxética e múltiples problemas nas instalacións de auga.

O CEIP Plurilingüe Os Castros de Burela, pola súa banda, padece tamén importantes carencias que afectan directamente ao normal desenvolvemento da actividade educativa. O centro sofre problemas de filtracións no ximnasio que o fan practicamente inutilizábel, impedindo o uso normal deste espazo por parte do alumnado. Ademais, continúan existindo barreiras arquitectónicas que dificultan e impiden a accesibilidade, unha situación intolerábel nun centro educativo público.

Estas situacións non son casos illados, senón a mostra dunha política de abandono da escola pública galega que afecta a numerosos centros de ensino do país, nomeadamente os das vilas e do rural. A Consellaría continúa ignorando as demandas das ANPAs, dos equipos directivos, do profesorado e das comunidades educativas, limitándose a realizar anuncios que posteriormente non se concretan en actuacións reais.

Desde a CIG-Ensino denunciamos que resulta inaceptábel que alumnado e profesorado teñan que desenvolver a súa actividade diaria en instalacións inseguras, deterioradas e non dignas. A educación pública precisa investimentos urxentes que garantan centros seguros, accesíbeis e funcionais. Por todo isto, esiximos á Consellaría de Educación unha actuación inmediata nos CEIP O Vicedo e Vista Alegre, así como un plan real de rehabilitación e mantemento dos centros educativos públicos galegos, con transparencia nos prazos e prioridades de actuación. A comunidade educativa non pode seguir soportando máis promesas baleiras nin solucións provisionais mentres os centros continúan deteriorándose.

Volver