Centos de docentes reclaman recuperar dereitos, melloras reais do ensino público e recoñecemento profesional

Nunha concentración convocada pola CIG-Ensino diante da Xunta esixiuse a destitución do responsábel da Inspección educativa pola súa actitude reaccionaria e contrapúxose o apoio que recibiu este por parte de Rueda fronte ao cese do presidente do IGE

A secretaria nacional do sindicato maioritario no ensino público, Laura Arroxo, incidiu en que “se comeza o vindeiro curso sen rectificacións por parte da Consellaría, sen cesar a quen nos insulta, sen valorizarnos, e sen avances na baixada de ratios, na recuperación do horario lectivo, na atención á diversidade e na eliminación da burocracia continuaremos coas mobilizacións sen descartar ningunha medida”.

A falta de poucos días para o remate oficial, que non real, do actual curso académico, o profesorado galego chega nunha situación límite, afogado polos recortes, que non paran de sumarse desde o ano 2009 até hoxe mesmo, coa eliminación das licenzas retribuídas por formación ou a non convocatoria de prazas de atención preferente para alumnado con necesidades especiais ou de asesorías este mesmo ano. A CIG-Ensino quixo canalizar este malestar convocando unha concentración á que acudiron centos de docentes, malia coincidir nestas datas sesións de avaliación, revisión de cualificacións ou oposicións, todas elas de obrigada asistencia nos centros de ensino. 

En declaracións aos medios de comunicación, Laura Arroxo, secretaria nacional do sindicato nacionalista avanzou que “esta é a primeira acción dunha campaña que vai un paso máis alá das dúas anteriores que liderou a CIG-Ensino baixo os lemas Profesorado farto e O profesorado non se vende. A situación insostíbel que se vive nos centros de ensino e os ataques frontais ás condicións laborais e á dignidade do persoal docente, agora coa pretensión de censurar e controlar as actividades complementarias a través da inspección, lévanos a emprender a campaña RECTIFICAR, RECUPERAR, RECOÑECER. PROFESORADO EN LOITA”. Neste sentido explicou que “o primeiro que debe facer a Consellaría de Educación é rectificar e reabrir unha nova negociación na que se respecte o sentir maioritario da representación docente e na que se incorporen melloras reais para todas as etapas e niveis educativos”. Ademais, tal e como sinalou, esta rectificación non ten que vir só da administración senón tamén dos sindicatos que asinaron un acordo rompendo a unidade sindical existente arredor das demandas de baixada de ratios e recuperación do horario lectivo e hipotecando calquera negociación nos próximos anos. “Non chega con demandar á Xunta nos xulgados, unha medida de cara á galería porque a xustiza vai moi lenta, teñen que retractarse, retirar a sinatura e exixir avances reais mediante a presión e as mobilizacións”, advertiu. 

“En segundo lugar -engadiu Arroxo- o profesorado galego merece recuperar todos e cada un dos dereitos roubados tras os sucesivos recortes desde 2009, nomeadamente o horario lectivo porque nestes momentos é a única comunidade do Estado que permanece con 20 sesións semanais en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial”. 

E, por último, a Consellaría debe recoñecer a función docente “favorecendo as tarefas propiamente didácticas, freando a burocracia, reducindo as ratios de forma inmediata en todas as etapas e garantindo medios humanos para atender a diversidade (profesorado especialista, persoal de orientación, desdobres, mestres de apoio...), todas elas demandas unánimes dun sector profesional cada vez máis queimado e menos recoñecido pola administración educativa”. 

Os ceses selectivos da Xunta ao descuberto 

Tal e como se puido constatar estes días, desde que se coñeceu a intención de que a Consellaría ía introducir nas instrucións que regulan as ensinanzas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato mecanismos de censura nas actividades complementarias que se realizan nos centros, a oposición do profesorado foi total con concentracións nos centros, colocación de cartaces e posicionamentos públicos. O venres pasado a CIG-Ensino sinalaba que detrás da imposición deste control ideolóxico que poñía en cuestión a autonomía nos centros podía estar o actual subdirector xeral da Inspección Educativa, que publicamente ten amosado as súas opinións “que son de todo menos neutrais e democráticas”. Así, Arroxo salientou que “un cargo público que se refire ao profesorado como nova clase ociosa de funcionarios, que ilegalizaría organizacións nacionalistas (non españolistas) como a CIG que representa a maioría do profesorado, que nega a violencia machista e considera a identidade sexual como unha arma ideolóxica ou que ve a educación inclusiva como un problema non pode seguir no seu posto nin un día máis. O apoio manifesto do conselleiro e do presidente da Xunta pedindo tolerancia para a liberdade de pensamento amosa a total complicidade co seu ideario”. Así, contrapuxo o amparo de ambos responsábeis políticos a esta persoa co cese do que foi durante os últimos 15 anos director do Instituto Galego de Estatística e responsábel, entre outros, do informe sobre a situación de emerxencia lingüstica que vive a lingua galega. “Queda claro con esta decisión que tipo de persoas e de ideoloxías son do agrado dos líderes do PP galego e cales non”, incidiu. 

Para a CIG-Ensino a situación actual do ensino público, da nosa lingua, das condicións de traballo docente e da súa valorización social está peor ca nunca. “Rueda demostrou que aínda se pode actuar de forma máis reaccionaria que Feijóo e aplica a apisoadora da maioría absoluta de forma máis absolutista”, comentou diante do persoal docente concentrado nas inmediacións de San Caetano. “Pero ten que saber que nos terá enfronte, denunciando calquera inxerencia política na nosa actividade diaria e mobilizándonos sen desbotar ningunha medida se o curso comeza sen rectificacións nin avances reais nos dereitos laborais do profesorado que chegaron a un punto de deterioro no que resulta difícil atopar docentes para determinadas especialidades, un problema que aínda non sendo exclusivo de Galiza, cada vez é maior precisamente polas condicións de traballo”, concluíu.

Volver