Celebremos o día de Rosalía o 23 de febreiro

Celebrémolo pola nosa lingua, polo noso país, por Rosalía e como resultado dunha loita da comunidade educativa galega

Un ano máis celebraremos o día de Rosalía, pero por primeira vez será un día marcado oficialmente no calendario escolar, este feito é un logro compartido por toda a comunidade educativa galega acompañando ao activismo cultural e trasladado á mesa sectorial por parte a CIG-Ensino ano tras ano até que se logrou.

Como todos os anos desde a CIG-Ensino animamos a seguir a campaña organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que este ano se articula baixo o lema #SementadePensamentos.

Como é sabido, aínda que o día oficial no calendario escolar é o 24 de febreiro,  diferentes institucións e entidades culturais veñen de recoñecer o cambio da data de nacemento da nosa poeta nacional para o 23 de febreiro, logo da confirmación de que foi nesa data na que naceu. A CIG-Ensino anima, como é lóxico, a que o conmemoremos ese día en todos e cada un dos centros escolares. Neste sentido partillamos unha serie de actividades para traballar o día de Rosalía nos centros educativos que propoñen desde a AELG e que se poden descargar desde esa  ligazón

Máis alá do marco educativo, a CIG-Ensino tamén anima a toda a sociedade a seguir a proposta da AELG de agasallar cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Entre estes actos está a lectura do manifesto que todos os anos realiza a asociación, este ano feito pola escritora e docente de ensino secundario Beatriz Maceda Abeleira e que podedes descargar desde a seguinte ligazón. 

#SementadePensamentos

Imaxes de Viki Rivadulla para o Nòs Diario e AELG

Volver