Case o 5% das prazas das oposicións xa fican desertas tras a primeira proba

A CIG-Ensino amosa a súa preocupación por unha tendencia á alza na “criba” das oposicións

Do total das 2.184 prazas convocadas para ingreso nos corpos docentes (entre prazas da quenda libre e da de persoas con discapacidade), sen ter en conta as prazas de cambio de corpo (de A2 a A1) xa existen nestes momentos 104 prazas que quedan desertas. A cifra supón que o 4,76% do total das prazas non serán adxudicadas. Para a CIG-Ensino é un motivo de preocupación que xa levamos denunciando nestes últimos anos como unha tendencia que agora se confirma neste novo proceso selectivo. 

As prazas fican desertas por non teren superado os dous primeiros exames da primeira proba (proba práctica e teórica da especialidade), antes mesmo de chegar á defensa da programación e da unidade didáctica da segunda proba, polo que a cifra total de prazas desertas poderían aumentar. 

Este o resumo das especialidades afectadas:

Desde o sindicato entendemos que é difícil de entender unha cifra tan elevada de prazas desertas tan só despois dos dous primeiros exames. Destes resultados poderían tirarse dúas conclusións: que o nivel demostrado nas probas propias das especialidades por unha gran parte do persoal aspirante é moi baixo ou que o deseño e criterios dos tribunais non son correctos, especialmente se temos en conta que unha parte das persoas que se presentan ás oposicións son docentes interinos que levan anos demostrando a súa valía profesional.

Como docentes está claro que debemos reflexionar cando un elevado número do noso alumnado suspende a materia que impartimos e así, consideramos desde a CIG-Ensino, tamén o debemos facer no caso dun proceso selectivo. Con todo, debe ser a administración educativa, última responsábel da organización das oposicións, quen tome a iniciativa para promover que, sempre partindo do rigor que se debe exixir nun proceso selectivo, se eviten situacións como as que levamos vendo desde hai anos, sobre todo cando vemos que xa non é só que non se chegue a ter en conta nunha parte moi destacada dos tribunais a fase do concurso, como vén denunciando a CIG-Ensino senón que mesmo as diferentes partes da fase de oposición xa funcionan como un filtro difícil de entender.

 

Volver