Case 2.000 docentes xa contestaron á enquisa “A túa opinión é a que conta” sobre a percepción dos acordos de 2023 e 2026

A CIG-Ensino lanzou esta consulta para que o profesorado opine directamente e sen filtros sobre as medidas comprometidas pola Consellaría e a situación nas aulas

En paralelo, o sindicato maioritario está consultando centro a centro os postos de traballo que teñen por riba de catálogo en infantil e primaria e os cupos de profesorado no resto de ensinanzas para poder realizar unha comparativa real do que vai significar en aumento de especialistas de PT e AL e de profesorado en xeral o contido do último acordo asinado pola Consellaría e unha minoría sindical. No caso de que aínda non deramos contactado co teu centro podes escribirnos a galiza@cig-ensino.gal indicando estes datos.

A túa opinión é a que conta! 

A opinión do profesorado galego que está día a día nas aulas é a única que conta. Á marxe da propaganda da Consellaría de Educación e das organizacións asinantes dos acordos de 2023 e de 2026 e da análise crítica e negativa “por perder outra oportunidade para recuperar e avanzar en dereitos” que fai a CIG-Ensino do contido dos mesmos, o sindicato maioritario quere coñecer o sentir xeral do persoal docente galego que, como é lóxico, está moi canso nesta recta final de curso. Un curso especialmente intenso, protagonizado polas mobilizacións, entre elas seis xornadas de folga, que fixeron que a Consellaría de Educación tivese que realizar algún movemento despois de dous anos e medio de parálise desde o acordo de 2023. As medidas propostas, unha vez máis dirixidas a dividirnos por colectivos, van de momento en dúas liñas: redución horaria para o persoal de secundaria e outras ensinanzas (de forma incompleta en opinión da CIG-Ensino) e estabilización de prazas de PT e AL que actualmente están por riba de catálogo nos centros (sen tocar nada máis dos catálogos de infantil e primaria vixentes desde o ano 2007).

A CIG-Ensino lanzou esta consulta ao profesorado, moi breve, na que lle pide que analice unha por unha as principais reivindicacións que levaron a que este fora o curso máis conflitivo dos últimos corenta anos no ensino público galego e o seu grao de satisfacción coas medidas propostas. Mediante a resposta a estas preguntas pódese coñecer directamente, sen opinións mediadas, cal é o sentir docente a respecto da recuperación do horario lectivo, da redución de ratios, da carga burocrática, dos recursos para atender a diversidade e das retribucións. Nestes momentos xa temos case 2.000 respostas pero o obxectivo é acadar a mostra máis representativa posíbel para trasladarlle o resultado á Consellaría e que tome nota das mesmas. Desde a CIG-Ensino animamos a todo o persoal docente a contestala e a trasladarnos de forma libre calquera outra consideración tanto sobre o contido da enquisa como sobre as accións reivindicativas a levar a cabo.

A túa opinión é a que conta! 

 

Volver