Carta aberta do equipo profesional da Escola Municipal de Música á cidade de Compostela
O persoal da EMM segue coa incerteza de se van cobrar este mes ou non e piden rematar canto antes con esta inseguridade.
Desde a CIG-Ensino, que ostenta a representación sindical do cadro de persoal, amosamos unha vez máis "o noso total apoio ao conxunto de traballadoras/es e de volvemos demandarlle á empresa saínte que busque as solucións correspondentes para liquidar os salarios pendentes e ao Concello de Santiago a que faga o seu traballo e abone as facturas á devandita empresa. Ademais tamén agardamos con esperanza e optimismo a vindeira toma de contacto para tratar diversos temas pendentes sobre a subrrogación e outras cuestións coa empresa gañadora da concesión".
Carta aberta do equipo profesional da EMM á cidade de Compostela
Hai apenas días o equipo de traballadorxs da Escola Municipal de Música de Santiago, profesorado e persoal laboral, volvemos ter unha reunión colectiva co aínda actual xerente do servizo. Para esa mañá tiñamos convocado un Claustro de Profesado para traballar sobre o fin de curso pero, como é habitual xa hai demasiados anos, tivemos que darlle prioridade a cuestións de carácter laboral en lugar de cuestións pedagóxico-musicais.
O que escoitamos nesa reunión é xa unha constante que se repite nas últimas semanas, meses, e o que é peor, nos últimos anos: non sabemos se imos cobrar xuño e cada día que traballemos para a empresa saínte é un día con altas probabilidades sen cobrar. Unha especie de tortura que a principios de cada novo mes se traduce na pregunta da incerteza de se imos cobrar o mes traballado, do mesmo xeito que a finais de cada novo curso, dende hai xa anos, se traduce na pregunta de se nos vai coller o verán, desmobilizados, sen que se fixese efectivo o cambio de empresa. E así estamos outra vez, cun novo aviso de impagamento e sen saber que vai ser de nós no verán e máis aló, cunha incerteza eterna e insoportábel sobre o futuro laboral dalgúns dos nosos compañeiros e compañeiras, reputadísimos profesionais da música do país.
Silencio. A constante da reunión foi o silencio. Silencio entre compañeiras e compañeiros músicos. Silencio entre persoas que sempre foron “ruidosas” entre si porque co paso dos anos e a firme crenza de participar dun proxecto compartido de calidade fomos sendo practicamente amigos. Como mínimo, compañeiros afectivos inundados de algarabía. Silencio de fatiga, de fartura e de fastío; silencio emocional, silencio de alegría. Un silencio que xa é tranquilo por esgotamento mental e emocional e onde o sentir principal xa non é o enfado se non a pena. Estamos tristes.
Estamos moi tristes e queremos socializar con vós a pena e a tristura que nos produce que un proxecto pedagóxico musical de calidade en toda España (dito con toda humildade pero con orgullo) estea nestas condicións. Escoitamos por todas partes que Compostela é unha cidade musical ,pero o certo é que nós hoxe estamos peor que hai catro anos: cun futuro máis precario e, a día de hoxe, de novo, traballando coa previsión de non cobrar.
O equipo humano da Escola Municipal, ese que sempre foi activo, alegre, motivado, que se lanzou a aventuras imposibles como a de encher un Auditorio de Galicia de música cun equipo de apenas 150 vatios de potencia, pedindo favores a amigos e amigas músicos, onde iluminación do espectáculo a realizou o profesorado da propia escola que nunca fixera tal cousa; ese equipo que aínda o martes 25 de maio, sen saber se ía cobrar o mes de maio e tendo cobrado 20 días tarde abril, organizou un “Roteiro Poético” pola Finca Simeón en homenaxe a Xela Arias, traendo amplificadores das súas propias casas; ese equipo inesgotábel, entregado en cada cousa, militante da educación musical, está moi canso e moi triste.
E queremos trasladárvolo á cidade desde esta situación. Porque nós somos docentes, persoal administrativo e de limpeza pero a Escola de Música é municipal e, polo tanto, de todxs vós. E queremos trasladarvos que é unha escola fantástica, na que pasan cousas fantásticas e emocionantes como a de ver nenxs de 8 ou 9 anos chegar onda nós co seu instrumento a un ensaio de agrupación, con dinámicas que xa son de “músicxs”, que montan o seu instrumento con autonomía mentres charlan animadamente de Música –en maiúsculas– con outros compañeirxs da súa mesma especialidade, sendo tan pequenxs. Ou a de ver como un adulto de case 80 anos se enche de ilusión porque á súa idade non só descobre que aínda pode aprender algo novo, como se volvese ser neno, senón que pode ademais facer novas amizades nun novo espazo cultural grazas á música e a nós á vez que ante as súas amizades “de sempre” pode presumir cheo de orgullo de si mesmo dicindo que toca nunha orquestra con outras persoas e que van tocar no Auditorio de Galicia ou no Teatro Principal.
Esa é a Escola pola que nós loitamos cada día para a cidade. Ese é o noso traballo. O traballo no que nós cremos para Compostela. E agora –e só agora– estamos cansos e verdadeiramente afectados pois sendo conscientes de que temos todo o apoio e cariño do noso alumnado e familias non damos crédito ao que nos pasa.
O equipo da EMM reséntese. Está entrando no triste silencio.