Caos organizativo na Consellaría: listas de substitución esgotadas, oposicións sen concreción, CXT opaco e centros sen persoal básico

A CIG-Ensino anima ao profesorado a participar mañá nos martes en loita como antesala das concentracións do próximo día 10, así como nos peches que van ter lugar esta semana.

A Consellaría de Educación continúa a evidenciar unha xestión marcada pola improvisación e pola falta de previsión. O resultado: listas de substitución sen persoal suficiente, as oposicións de 2026 sen especialidades nin concreción normativa a estas alturas, un CXT opaco no que o persoal participante recibe respostas negativas sobre o cómputo de méritos sen explicación nin criterios claros e no que aínda non se poden consultar as instancias e centros educativos que se ven obrigados a funcionar sen persoal auxiliar coidador, sen persoal administrativo e subalterno e con problemas graves en servizos básicos como o comedor.

Listas de substitución sen persoal

A propia realidade dos centros confirma o que desde o sindicato levamos meses advertindo: hai especialidades con listas de substitución insuficientes, e nalgúns casos directamente esgotadas, o que se traduce en atrasos na cobertura de baixas, alumnado que queda sen docencia e equipos directivos atrapados nun bucle interminábel de chamadas, incidencias e xestións burocráticas que se prometeran reducir no Acordo “de melloras”.

A CIG-Ensino xa denunciou esta situación e a incapacidade da administración para garantir unha cobertura áxil en varias especialidades. E lonxe de mellorar, o problema estase a agravar: nestes días sumáronse tamén as especialidades de Portugués e de Galego, tanto en Secundaria como en EOI. Non falamos, polo tanto, de casos puntuais, senón dun fallo estrutural de planificación.

Mentres tanto, a Consellaría semella máis preocupada por desenvolver unha aplicación para xestionar os chamamentos, que, segundo se trasladou, debería estar xa dispoñíbel no primeiro trimestre, mais da que non sabemos nada a día de hoxe, que por resolver o realmente urxente: dotar as listas do persoal necesario e garantir que as substitucións cheguen a tempo.

Oposicións 2026: anuncian cifras, pero segue sen saberse o esencial

Mentres a administración lanza titulares e cifras globais, o que precisa o profesorado e as persoas aspirantes continúa sen aparecer con claridade: cal será a distribución real de prazas por especialidade e que especialidades se convocarán.

Tras unha convocatoria en 2025 cun 33% de prazas desertas, a CIG-Ensino xa reclamou unha Mesa Sectorial monográfica para analizar a situación e negociar medidas antes da aprobación da OPE de 2026, fronte a unha política de anuncios que só xera confusión e incerteza.

Ademais, a día de hoxe non consta publicada no Diario Oficial de Galicia a oferta de emprego público docente de 2026, un paso previo imprescindible para poder convocar con garantías o procedemento selectivo.

CXT: opacidade e indefensión

No Concurso Xeral de Traslados, a falta de transparencia está a converter un procedemento que debería ser garantista nunha carreira de obstáculos. O persoal participante está a recibir respostas negativas sobre o cómputo de méritos sen unha mínima motivación: sen explicación detallada, sen criterios claros e sen indicar con precisión que se rexeita e por que. Esta maneira de proceder, ademais de inxusta, xera indefensión, porque impide comprobar erros, contrastalos e preparar correctamente as reclamacións.

A esta situación súmase outro feito: aínda non se poden consultar as instancias e nin sequera hai prevista unha data para que se poida facer, tendo en conta que o ano pasado a estas alturas xa era posible acceder a elas.

Centros sen persoal auxiliar coidador, persoal administrativo e subalterno e persoal de comedores

A desorganización da Consellaría tamén afecta ao funcionamento diario dos servizos básicos dos centros. Desde comezos de curso sucedéronse as queixas pola non cobertura de postos imprescindíbeis: coidadores/as, persoal administrativo e subalterno e persoal vinculado aos comedores.

A falta de persoal auxiliar coidador dá lugar á desatención do alumnado con necesidades educativas especiais e necesidades específicas de apoio educativo. A ausencia de persoal administrativo e subalterno provoca máis carga burocrática e máis tarefas alleas á docencia para equipos directivos e profesorado.

No caso dos comedores está a ser o propio profesorado quen acaba asumindo, de maneira puntual, tarefas para “tapar” ausencias no comedor. Faino por responsabilidade e vocación, para que o servizo non se pare e para evitar que o alumnado quede desatendido, pero esta solución improvisada é inaceptábel porque, ademais de desviar o profesorado das súas funcións e normalizar que un servizo esencial funcione a base de parches, estase a facer sen valorar as consecuencias que pode ter calquera incidencia ou calquera problema que se poida producir.

Desde a CIG-Ensino esiximos á Consellaría de Educación que se poña a traballar dunha vez e que deixe de funcionar a golpe de anuncios. Menos propaganda e máis solucións reais.

CIG

E ao conxunto do profesorado, e, en particular, a quen estea a sufrir estas incidencias no día a día, animámolo a dar un paso adiante: a acudir aos peches reinvindicativos que desenvolveremos durante esta semana e a sumarse aos martes en loita.

Volver