Black Friday salarial para o sector público: o acordo 2025-28 é un novo pacto de perdas
A CIG rexeita unha nova rebaixa no poder adquisitivo para quen traballamos no sector público
Consumouse unha nova edición dos habituais acordos retributivos estatais. Nestes pactos poden cambiar os protagonistas mais o que nunca fallan son as consecuencias: provocan que os nosos salarios queden por debaixo do IPC e mesmo da suba das pensións públicas.
Sexa co PP ou co PSOE no goberno, sexan os tres sindicatos estatais que se sentan na Mesa Xeral (CCOO, UGT, CSIF) ou unha combinación de dous deles (CCOO e UGT no acordo 2022-24 e agora UGT e CSIF no acordo que nos atará até o 2028, á espera do que decida CCOO, que xa recibiu a mensaxe do ministro no propio día da sinatura: “xa mostrará a súa adhesión”), a posta en escena é sempre a mesma: negocian fóra da Mesa oficial (para evitar a incomodidade de ter que escoitar voces díscolas como a que representa a CIG ou o sindicalismo vasco), anuncian mobilizacións, critican a perda de poder adquisitivo, afirman que os soldos non poden quedar por debaixo do IPC e…..ao final…asinan exactamente o contrario: nin recuperación do perdido polo pacto anterior, nin vinculación co IPC nin cláusula de revisión salarial. É lóxico que se fale de “desafección sindical” con actuacións como esta.
No que á CIG se refire, queda de novo ben claro que hai alternativa a esta aldraxe e que todo pasa por “atar” as subas salariais á evolución dos prezos. Algo que, por certo, xa se fai coas pensións públicas. A proposta, remitida polo sindicato maioritaria en Galiza ao Ministerio hai xa meses era de mínimos:
- GARANTIR QUE OS SALARIOS NON SUBISEN POR DEBAIXO DO CUSTE DA VIDA. Isto conséguese fixando cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei.
- RECUPERAR O PERDIDO NOS ÚLTIMOS TRES ANOS. Aplicar unha suba salarial do 5% para o ano 2025, con efectos retroactivos desde xaneiro para compensar a perda provocada polo pacto anterior.
Toda a verdade do pacto de perdas
Recupérase o que nos fixeron perder no anterior acordo 2022-24 (Goberno-CCOO-UGT)?
Non. Non se recupera poder adquisitivo. O resultado dese pacto queda blindado polo novo acordo: o desfase salarial co IPC do 2,3% tan só en tres anos dáno por perdido.
O acordo 2025-28 asegura o poder adquisitivo nos próximos catro anos?
En absoluto. Para comezar xa nin sequera se asegura esa igualdade salario-prezos nos anos 2025 e 2026. O IPC interanual está agora mesmo no 3,1% e as previsións máis actuais (FUNCAS) sitúan o IPC interanual do 2025 para final de ano no 2,8% e nun 2,4% para 2026. De se cumpriren estas previsións tan só nos dous primeiros anos do acordo se produciría unha perda de poder adquisitivo do 1,2% (5,2% de IPC e 4% de suba dos salarios).
É legal a proposta da CIG de vincular o salario co IPC?
Totalmente. Depende unicamente dunha decisión política. Así se actuou, por exemplo, coas pensións públicas. A indexación das pensións públicas ao IPC interanual medio (calculado entre decembro do ano anterior e novembro do ano en curso) entrou en vigor en xaneiro de 2022. Desde aquela aplícase como suba o IPC medio fixado.
É certo que as pensións subiron máis nestes anos que os salarios dos empregados e empregadas públicas?
Si, e con diferenza. A suma da suba salarial desde 2022 a 2025 será do 12% (incorporando xa o 2,5% do novo acordo que se pagará en breve con efectos desde xaneiro de 2025). Nese mesmo tempo as pensións subiron o 17,6%, un diferencial do 5,6%. A suba das pensións para o 2026 prevese que chegue ao 2,6% ou 2,7%, mentres que a suba salarial para o ano que vén será do 1,5%. O desfase medra.
En que quedamos, non din que nos soben agora o salario o 4%?
Algúns medios de comunicación falan de que cobraremos un 4% máis no 2026. E é certo, pero é un 4% sobre a suba do 2024 xa que no 2025 tivemos o salario conxelado. Os pagos adicionais que se produciron este ano foron para completar a suba pendente do 2024. Polo tanto, aínda que nas nosas nóminas do ano 2026, comparadas coas do 2024, vexamos ese incremento, temos que saber de onde nace: un 2,5% do 2025 e un ridículo 1,5% do 2026.
A suba do ano 2026 vai ser do 1,5% ou do 2%?
A suba inicial pactada vai ser do 1,5%. Se a final de ano o IPC interanual fica por riba desa porcentaxe (algo que se dá absolutamente por seguro) pagarase un 0,5% adicional que se detraerá da suba do 2027 (que de non ser así chegaría ao 5%). É dicir, podemos dar por seguro que o resultado final vai ser o que figura na táboa que a CIG fai pública: 2% en 2026 e 4,5% no 2027.
Cal vai ser a suba final nos catro anos?
Pactaron un 11%. En ningún caso se superará esa cifra, con independencia do que pase co IPC. Hai que ter en conta que cando se produce unha suba sempre se fai sobre a contía anterior consolidada. Arrastrando as subas ano a ano o final gañaremos un 11,4% máis a finais de 2028, aínda que por razóns obvias o que figura no acordo é o que se sobe cada ano e todas as referencias ás cifras de calquera acordo salarial fanse sobre as porcentaxes pactadas (11%). Obviamente o mesmo pasa co IPC.
É certo que o novo acordo queda por debaixo do anterior?
Si. Aínda sen ter en conta as críticas da CIG pola non recuperación do 2,3% perdido polo acordo anterior hai un dato claro. Unha suba do 11% en catro anos supón unha media do 2,75%, unha porcentaxe inferior á suba anterior, que foi do 9,5% en tres anos, un 3,16%.
É habitual que existan nos convenios colectivos cláusulas de revisión salarial?
Si, moito menos do que debería mais si aparecen en convenios e acordos, especialmente naqueles que se prolongan nun prazo que fai difícil prever como evolucionarán os prezos. É unha das cuestións centrais en calquera negociación: procurar que o que soben os soldos non o coma a carestía da vida, que é xustamente o que nos leva pasando nestes últimos anos.
O actual acordo conta co respaldo da maioría sindical?
Si, calquera combinación (a dous ou a tres) dos sindicatos CCOO, UGT e CSIF suma unha maioría no ámbito estatal. Non houbo ningún acordo salarial estatal que non contase coa sinatura dos tres sindicatos ou de dous deles. Malia isto preferiron negociar fóra do ámbito legal para facelo (a Mexa Xeral das administracións públicas) e así evitar presenzas “incómodas” como a que representa a CIG.
Novas relacionadas

