Balance moi positivo dos 16 peches organizados en dúas semanas con alta participación das familias
A estas horas teñen lugar en Carballo, Rianxo e Ponteareas os últimos encerros en centros educativos para visibilizar as demandas do profesorado e esixir a apertura de negociacións coa Consellaría
Unha das accións que pretendía levar o conflito laboral docente aos centros, peches reivindicativos protagonizados polo profesorado en 16 localidades galegas, remata hoxe cunha alta participación de Anpas e familias que se involucraron activamente coa creación de faixas e a asistencia ás asembleas. O próximo día 10 a proposta da CIG e STEG é realizar concentracións reivindicativas e compartir as imaxes nunha nova xornada de "martes en loita".
Esta noite de novo a entrada, os corredores e ximnasios de tres centros educativos contarán con profesorado en horario non lectivo nunha acción reivindicativa que chega ao seu fin. Os "peches polo ensino público" que cada día máis contan coa presenza de Anpas e familias teñen lugar a estas horas en Carballo, no CRA Ponte da Pedra, en Rianxo, no IES Félix Muriel e no IES Val do Tea, en Ponteareas. Suman así 16 encerros cos que as organizacións sindicais convocantes, CIG-Ensino e STEG, queren chamar a atención da comunidade educativa e da sociedade en xeral sobre as eivas do ensino público galego que levaron ao profesorado a secundar este curso numerosas mobilizacións e cinco xornadas de folga, algo insólito desde a década dos 80.
O obxectivo segundo a CIG-Ensino está sobradamente conseguido tanto pola repercusión mediática desta iniciativa como pola conxunción de Anpas e profesorado que, a través da participación activa nas asembleas, compartiron reivindicacións comúns e acordaron realizar accións para visibilizar a necesidade de dotar os centros co persoal necesario para atender o alumnado con distintas necesidades.
Despois de pasar a noite durmindo nos tres centros, mañá pola mañá levaranse a cabo concentracións á entrada das clases para continuar con esta visibilización social.
O día 10 concentración nos centros nun novo "martes en loita"
Tal e como se vén facendo xa nos últimos dous martes, que serviron como simulacro, o vindeiro día 10 a proposta da CIG-Ensino e do STEG é que se celebren nos centros de ensino concentracións, á hora da entrada, do recreo, ao mediodía ou pola tarde, con mensaxes reivindicativas para visibilizar as principais demandas do profesorado. Esta iniciativa, que afonda na descentralización do conflito laboral nos centros, emula o xa feito nos últimos anos baixo os lemas "O profesorado non se vende", xusto despois da aprobación do Acordo de Melloras en 2023 ou "O profesorado farto". A CIG-Ensino pide ao profesorado que participe activamente compartindo nas redes sociais e nos medios de comunicación locais e que envíe ao correo galiza@cig-ensino as imaxes destas concentracións para que lle chegue a mensaxe de malestar de forma masiva ao conselleiro que até o momento se negou a atender o clamor do seu persoal docente.

