Aulas habilitadas: outra forma de recortar no Ensino Público Galego

En Galiza, segundo datos da propia Consellaría, durante o curso 2024/2025 habilitáronse 489 aulas, das cales 130 son de EI e 50 de Educación Especial, sendo as restantes de primaria

Todos os anos a Consellaría de Educación autoriza aulas por riba do catálogo oficial nos centros educativos para cubrir necesidades puntuais, algo correcto e dentro da normalidade. O problema vén cando estas aulas perduran no tempo e non se engaden ao catálogo de postos de traballo da propia Consellaría, o que fai que non se consolide nin aumente o número de profesorado para atender esas aulas.

O exemplo máis claro é cando se crea unha aula de Educación Infantil e o número delas no centro educativo alcanza unha cifra múltiplo de 3 (3, 6 ou 9), o que faría que tivesen que incrementar o cadro de persoal cunha mestra especialista máis de EI para respectar o catálogo de postos de traballo polo que se garante un apoio por cada 3 aulas de Infantil. Non entanto, a Consellaría non o fai coa escusa de que son aulas habilitadas e non de catálogo; é dicir, ano tras ano a Consellaría evita dotar co profesorado necesario os centros educativos e négase a crear oficialmente as aulas abertas provisionalmente mais xa consolidadas despois de varios anos.

Outro exemplo podemos velo nun centro de Infantil e Primaria, con 3 unidades de infantil e 9 de primaria que coas aulas habilitadas pasaría a ter 6 unidades de infantil e 10 de primaria o que suporía ter no centro 26 profesoras e profesoras no lugar de 23.

Desde a CIG-Ensino esiximos que as aulas habilitadas se teñan en conta para a dotación do profesorado dos centros públicos e que unha vez superado un mínimo de dous anos se incorporen ao catálogo de postos de traballo dos centros de infantil e primaria, ofertándose no concurso xeral de traslados inmediatamente posterior.

Volver