Aulas baleiras e rúas cheas nun 8 de marzo xa histórico
Milleiros de mulleres secundan a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo
No ensino secundario e universitario produciuse unha paralización absoluta da actividade lectiva e rexistrouse unha moi alta participacion na folga de mestras e profesoras, superando o seguimento do ano pasado. As aulas baleiras foron a imaxe desta xornada nos centros de ensino galegos.
Miles de galegas están a secundar a folga e outras tantas participaron esta mañá as preto de 30 mobilizacións convocadas pola CIG ao longo de toda Galiza, para reclamar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. No Día Internacional da Muller Traballadora, as galegas toman as rúas de novo, reivindicando a orixe obreira e revolucionaria desta data, "para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar".
Galiza enteira treme: da Mariña ao Morrazo, da Costa da Morte a Valdeorras, de Ferrolterra a Compostela, de Lugo a Ourense, do Salnés a Betanzos, da Coruña a Vigo... miles de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,... saíron hoxe coa CIG á rúa no marco da xornada de folga laboral; mais tamén o fixeron as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración "para denunciar a inxustiza que supón discriminar a máis da metade da sociedade polo mero feito de sermos mulleres".
Así se pronunciaba a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, que participou na manifestación convocada pola central na Coruña. Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta que temos para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten ás traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas.
Éxito total no ensino
Como non podía ser doutro xeito, nos sectores máis feminizados da administración é onde as mulleres secundaron máis masivamente a xornada de folga de 24 horas que a CIG convocou para hoxe. No ensino secundario e universitario paralizouse totalmente a actividade, tanto pola alta participación das profesoras no paro laboral como polo seguimento case total do alumnado, como o reflicten as imaxes de aulas baleiras que nos foron enviadas ao longo da mañá de distintos centros de ensino do país. Tamén as mestras se sumaron a esta convocatoria de forma maioritaria superando a participación do ano pasado, o que demostra o compromiso das docentes galegas, non só este día senón durante todo o ano, cun ensino despatriarcalizado e coeducativo.
Mobilizacións de Galegas8M
Após o éxito das mobilizacións desta mañá, que ateigaron as rúas das principais vilas e cidades galegas, a CIG chama tamén a participar tanto a homes como a mulleres ás concentracións que convoca a plataforma Galegas8M, da que o sindicato forma parte, para seguir clamando polos nosos dereitos e contra o machismo e o patriarcado. As convocatorias desta plataforma que aglutina os principais movementos feministas galegos poden consultarse nesta ligazón: Mobilizacións Galegas8M.