Asembleas permanentes e peches nos principais edificios administrativos e centros sanitarios de Galiza contra os recortes

A policía municipal recibindo ordes do Alcalde de Compostela desaloxou as e os representantes sindicais ás 21 horas

Desde as 9:00 horas da mañá deste mércores, a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos tiña convocadas asembleas permanentes nos principais edificios administrativos da Xunta de Galiza e nos centros máis importantes das distintas áreas sanitarias do país. En moitos dos lugares previstos celebráronse sen problemas e as e os representantes sindicais continúan aínda nas mesmas. Porén, en Compostela, a policía local impediu o acceso ao interior do concello e mesmo prohibiu facer uso da sala de prensa para as e os representantes sindicais dirixírense aos medios de comunicación. Finalmente ás 21 horas, e recibindo ordes do Alcalde, a policía local procedeu a desaloxar as e os representantes sindicais

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos presenta unha denuncia por vulneración da liberdade sindical e o dereito de reunión contra o alcalde de Santiago.

A asemblea permanente máis importante convocada en Compostela era a prevista no local da sección sindical da CIG do concello. De feito, alí estaban as secretarias nacionais de CIG-Saúde e CIG-Administración e o secretario nacional de CIG-Ensino, alén de representantes das outras 20 organizacións sindicais que conforman a Plataforma. Pero non todos puideron acceder ás dependencias municipais.

María Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración chegou pasadas as 9:00 horas e xa non puido entrar no Pazo de Raxoi. Coma ela, quedaron fóra outras persoas. Entre elas, tres representantes sindicais do propio concello de Santiago, aos que non se lles permitiu o paso até pasadas as 10:30 horas. “A policía alegou razóns de seguridade e ordes do alcalde”, explica López Santamariña.

Vulneración da liberdade sindical

Ante esta situación, representantes da plataforma interpuxeron denuncia por vulneración de liberdade sindical e do dereito de reunión. Vulneración que é especialmente grave no caso dos tres representantes sindicais, que teñen recoñecido o dereito á libre circulación polos centros de traballo do concello.

Pero nin sequera a presentación da denuncia foi doada. “Na policía ‘nacional’ puxéronnos todo tipo de trabas para que puidera estar en galego. De feito, quen nos atendeu sinalaba á bandeira de España do seu uniforme para xustificar a redacción da mesma en español”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Administración.

Rolda de prensa nos corredores do concello

O acceso ás dependencias municipais non foi o único atranco que puxo o alcalde da capital de Galiza. Nin sequera permitiu acceder á sala de prensa aos representantes sindicais, que tiveron que explicar aos medios de comunicación as razóns polas que se atopaban no concello, nun dos corredores de acceso á mesma.

Alí Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, denunciou a actitude “inadmisíbel, antidemocrática, represiva e autoritaria” do PP do concello de Santiago por ter impedido o paso a representantes de milleiros de traballadores/as do sector público, pero tamén a cidadáns de a pé. “Denota a concepción patrimonial do PP que cre que está na súa casa e que pode impedir o acceso ás persoas que non lle son gratas”.

Explicou que a Plataforma acordou a convocatoria destas asembleas permanentes e peches en todo o país por mor dos recortes, pero tamén pola agresividade dos ataques do goberno contra as empregadas e empregados públicos e contra os propios servizos públicos. “Estamos ante un goberno destrutor, demoledor do público en beneficio do privado e demoledor dos nosos dereitos laborais”.

Acusou ao Partido Popular de saquear os petos das traballadoras e traballadores, por quedarse con parte dos seus salarios, quitarlles a paga extraordinaria e mesmo impedirlles enfermar.  Alcumou a Núñez Feijóo, Presidente da Xunta, de “abandeirado” á fronte do “exército de saqueadores” por adoptar medidas que mesmo van máis alá dos recortes decretados polo PP en Madrid, xa que desconta aínda máis dos salarios en caso de enfermidade.

Louzao fixo ademais un chamamento a todas as empregadas e empregados do sector público a participar masivamente nas mobilizacións convocadas en todas as comarcas de Galiza o vindeiro día 15, pero tamén nas eleccións do 21 de outubro “para que rematen estas políticas e o PP perda a maioría absoluta”.

Desaloxados pola policía local de Compostela

A policía municipal recibindo ordes do Alcalde de Compostela desaloxou as e os representantes sindicais ás 21 horas.


Galería de imaxes na seguinte ligazón

Asembleas permanentes e peches nos principais edificios administrativos e centros sanitarios de Galiza contra os recortes

Volver