As Universidades galegas irán á folga o vindeiro 24 de marzo
Organizacións sindicais e estudantís galegas sumarán esforzos para que sexa masiva
A convocatoria de folga parte das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Universidades das que, na rolda de prensa, estaban CIG, CCOO e UGT, e a ela anunciaron a súa adhesión as organizacións estudantís, entre outras, Comités, Liga Estudantil e AGIR. O seu obxectivo é denunciar as consecuencias das reformas emprendidas polo PP que teñen como obxectivo “dinamitar as universidades públicas”, dixo Alba Nogueira. Reformas diversas entre as que subliñou o último decreto 3+2, mais tamén as medidas referidas á creación de centros ou a acreditación do profesorado universitario.
Alén desas cuestións, Nogueira denunciou que a situación das universidades galegas é francamente grave, tanto pola perda de financiamento -86 millóns nos últimos anos- como pola non renovación do seu persoal, que “deteriora a calidade docente” .
A este respecto subliñou que “as e os estudantes van ver en risco a continuidade das súas titulacións, precisamente porque non se renova o profesorado e xa hai materias que non teñen profesorado porque a Xunta de Galiza non está dando as autorizacións para convocar prazas”.
Ao seu entender, esta situación “obríganos a dar un golpe na mesa” e a trasladar á sociedade que a situación das universidades é “gravísima” e que ten tamén “graves consecuencias para o futuro do país, porque un país no que as universidades públicas non funcione é un país no que o sistema de investigación cae, onde a formación da xente nova está en risco e que non pode avanzar nin ter futuro”, alertou.
Para a representante da CIG o obxectivo do PP é favorecer, con estas medidas, ás universidades privadas. Para demostralo sinalou que nos últimos 14 anos creouse unha universidade privada por ano e ningunha pública e que, ao tempo, as universidades públicas perderon 4.400 profesores/as mentres que as privadas gañaron 4.100. “Esta claro que a estratexia é promover ás privadas e os datos están aí”.
De feito, a estas cifras que considerou “abondo elocuentes” engadiu que o decreto 3+2 responde á mesma estratexia porque o mercado das universidades privadas é fundamentalmente o dos mestrados. “Hoxe en día o 30% do alumnado estuda mestrados nnas privadas, cando só teñen o 9% do alumnado en grao”.
Alba Nogueira tamén desmentiu a suposta conxelación de taxas da que alardea a Xunta. “É falso que houbera unha conxelación de taxas porque se incrementaron as de segunda e posteriores matrículas e os prezos públicos de master son moi elevados respecto dos graos, máis cando os salarios en Galiza son un 18% inferiores á media do estado”.
Por acordo das organizacións estudantís falou, en representación de todas, María González, quen informou da decisión destas de sumarse á convocatoria das organizacións sindicais e adiantou que mobilizarán ao estudantado universitario. “Estamos buscando chamar ao máximo número de alumnos/as e porémonos en contacto con diferentes sectores para que sexa o máis masiva posíbel”.