As traballadoras e traballadores do Centro Especial de Emprego do San Xerome Emiliani rexeitan o ERE proposto pola dirección do Centro

Solicitarán unha asemblea de socias e socios en que se trate o tema

As Traballadoras e traballadores do Centro Especial de Emprego (CEE) do San Xerome Emiliani rexeitan o ERE proposto pola Dirección do Centro. Consideran que a Xerencia debe buscar vías de financiamento para manter as 20 traballadoras e traballadores do CEE, todos e cada un deles necesarios para realizar os traballos que veñen acometendo a día de hoxe.

Fronte á falta de liquidez argumentada pola empresa, os traballadores entenden que o que cómpre é incrementar os ingresos polo traballo que realizan, polo que a xerencia debe buscar vías de financiamento, revisar os prezos dos contratos, que neste momento están por debaixo dos de mercado e mesmo realizar un Plan de viabilidade inexistente a día de hoxe. Non poden aceptar que a xerencia se cruce de brazos sen buscar as solucións necesarias e se limite á vía do ERE para sanear as contas de cara ao cumprimento de requisitos de futuros contratos.

Non pode esquecerse que este centro de traballo ten, por riba da produtividade e os beneficios e, mesmo da viabilidade económica, unha función social imprescindíbel, que é a integración de persoas con discapacidade, motivo polo cal consideran que un ERE non pode ser, en ningún caso, unha opción.

As traballadoras e traballadores reunidos onte acordaron solicitar a convocatoria dunha asemblea de socias e socios do San Xerome, co obxecto de que sexan informados deste tema e poidan opinar ao respecto, toda vez que son os titulares reais do centro e que tanto a Dirección como a Xunta Directiva son simples representantes que deberían, nunha situación de tal importancia, consultar as decisións que pretenden adoptar e que comprometen o futuro das persoas e do centro.

Por outro lado, acordaron tamén realizar unha asemblea de afectados e afectadas, á que convocan a todos as traballadoras e traballadores e as súas familias, o vindeiro martes día 9 de decembro ás 19:30 no local da CIG na Guarda (praza da Guía, nº 3).

As traballadoras e traballadores solicitarán, ademais, entrevistas cos alcaldes dos concellos do Baixo Miño.

A CIG apoia a estas traballadoras e traballadores nas súas lexítimas e xustas demandas e prestaralles o asesoramento necesario. Considera que, unha vez máis, se pon en evidencia a mala xestión e asesoramento do San Xerome, até o punto de pór en risco unha obra social que foi modelo no Baixo Miño. Unha vez máis a empresa utiliza ao seu antollo os datos económicos, elude as súas responsabilidades, actúa sen convocar a socias e socios e ataca ás traballadoras e aos traballadores vulnerando os seus dereitos.

Volver