As traballadoras das escolas infantís privadas continúan na loita por un convenio digno con salarios xustos

Traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, na etapa 0-3, mobilizáronse na tarde deste martes polas rúas da Coruña, Vigo e Compostela para demandar un convenio digno con salarios xustos e rexeitar a actitude inmobilista da patronal

O calendario de mobilizacións continuará o vindeiro sábado, 16 de decembro, cunha manifestación nacional en Santiago de Compostela, que sairá ás 11:30h da Alameda. E para o martes 19 de decembro está convocada a sexta xornada de folga no que vai de ano e mobilizacións nas cidades da Coruña e Vigo.

 

Postura inmobilista da patronal

En Galiza hai máis de 200 escolas e máis de 2000 traballadoras e traballadores regulados por este convenio colectivo, de ámbito estatal, cuxas táboas salariais, conxeladas dende 2021, xa se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) na maioría das categorías.

A pesar do apoio masivo do persoal ás mobilizacións e folgas que se están a realizar dende o mes de xuño, as patronais néganse a asumir melloras laborais (propoñendo incluso retrocesos nalgunhas materias), e incrementos que permitan recuperar o poder adquisitivo e garantir uns soldos dignos e xustos para o persoal, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

De feito, denuncia a CIG-Ensino, desde o inicio das negociacións en 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo, até hoxe. Por exemplo, hai un ano negociábase coa patronal da xestión indirecta unha proposta súa, xa insuficiente daquela, nas seguintes cantidades a cobrar en 2026: 1.660 € para a categoría de mestra, 1.360€ para as educadoras e 1.245 € para o resto das categorías.

Se se compara coas táboas propostas actualmente, para a categoría de mestra a cantidade baixa a 1.611,10 €, na categoría de educadora o salario descende a 1.236,43 € e para o resto de categorías preténdese negociar a 1.166,40, lonxe da cantidade inicial.

Diante disto, as traballadoras reafírmanse no convencemento de que non van parar de mobilizarse até acadar o obxectivo marcado dun convenio digno e salarios xustos. De aí estas novas mobilizacións na liña de seguir presionandoaás patronais de cara á próxima mesa negociadora prevista para o 18 de decembro.

"Patronais que amosaron nerviosismo, preocupación e diferenzas entre elas na última mesa de negociación, o que confirma que a loita é o único camiño, como sempre defendeu  a CIG-Ensino", sentenciou o responsábel do sector privado, Henrique García, onte durante as manifestacións.

Volver