As traballadoras da Escola Infantil Merlín recorrerán á inspección laboral, á Xunta e á xustiza ante os impagamentos e convocan unha nova concentración

Na tarde de onte protagonizaron unha manifestación polas rúas de Bertamiráns na que, de novo, volveron contar co apoio das familias usuarias da Escola

O persoal da Escola que atende a medio cento de nenos e nenas de 0 a 3 anos, por voz da súa delegada sindical, volveu pedir unha solución inmediata á empresa que lles adebeda dúas nóminas e que nas contas que lles facilitou, tres meses despois de pedirllas, amosa que tivo beneficios tanto o pasado ano como no primeiro trimestre deste. Aseguran estar “fartas da incerteza e de que cada día se lles diga unha cousa distinta, desde que a escola se vai traspasar até que vai continuar a actividade e que solicitarán a subvención para o vindeiro curso”. Neste sentido, esta última solución entenden que é “pan para hoxe e fame para mañá” porque o diñeiro que se recibiría este mes de xullo realmente é para pagar os seus salarios a partir de setembro e non os atrasos, polo que de novo se volverán atopar con problemas nos próximos meses.

As traballadoras da Escola Infantil Merlín proseguiron onte á tarde coa súa loita para cobrar os salarios que lles debe a empresa do mes de maio e de xuño e porque se garanta a viabilidade da mesma. Malia esta situación “insostíbel” manteñen a súa profesionalidade acudindo día a día a traballar e incluso reorganizando o seu período de vacacións para que a escola poida seguir funcionando dado que a empresa non contratou persoal suficiente.

As contas que lles foron entregadas a pasada semana á delegada de persoal e á CIG-Ensino non revelan que a empresa non sexa viábel senón que existe un problema de xestión porque, entre outras situacións anómalas, hai gastos e accións que a empresa sigue sen poder xustificar correctamente. Ante esta situación o colectivo de traballadoras manifestouse onte á tarde polas rúas de Bertamiráns, nunha marcha que contou, de novo, co apoio das familias usuarias que están a ser nestes momentos, xunto cos nenos e nenas, “o motivo polo que seguimos vindo a traballar cun sorriso”. A marcha transcorreu desde as instalacións da empresa até o concello e rematou cunha intervención tanto do secretario comarcal da CIG-Ensino como da delegada de persoal. Ambos instaron á Xunta a tomar medidas, dado que se trata dunha empresa que recibe unha subvención do 100% do custe da súa actividade e presta un servizo esencial, como é a atención da poboación de 0 a 3 anos. Así mesmo, anunciaron que recorrerán á inspección de traballo e á xustiza de ser necesario, sen renunciar a seguir mobilizándose. Baixo a consigna “Polo traballo feito, o salario é un dereito”, anunciaron unha nova concentración para o martes 23 deste mesmo mes de novo diante da Escola.

Volver