As traballadoras da Escola Infantil Merlín irán tres días á folga a vindeira semana ante os reiterados atrasos e impagamentos por parte da empresa

A dirección da mesma alude problemas de financiamento cando nestes intres recibe os fondos directamente da administración e ademais cobra cotas complementarias ás familias

As familias dos arredor de medio cento de alumnos e alumnas matriculados na escola apoian as súas reivindicacións despois de que as traballadoras amosaran unha enorme profesionalidade acudindo a traballar durante máis de dous meses e medio sen recibir nin un só euro de salario.

As traballadoras da Escola Infantil Merlín (Bertamiráns) levarán a cabo a próxima semana tres xornadas de folga con distintas mobilizacións, desde o martes ao xoves, para pedir á xerencia o fin dos atrasos no pagamento dos seus salarios que veñen sufrindo desde hai máis de un ano, un período de tempo no que levan inmersas na incerteza. En concreto estiveron máis de dous meses e medio sen cobrar o seu salario e cumprindo impecabelmente coas súas obrigas laborais diariamente.

Durante este tempo a delegada de persoal da CIG e o responsábel de Ensino Privado da comarca de Compostela, Rubén Monteagudo, intentaron intermediar para que se solucionase esta situación. A empresa sempre se escudou en que a Xunta lle abonaba con atraso o pagamento das matrículas, algo que non é unha causa xustificada porque é o mesmo procedemento que se está a seguir co resto de escolas infantís privadas.

Para valorar se esta cuestión ademais se axusta á realidade a representación da CIG desde o pasado mes de abril pediu ter acceso ás contas da empresa, que só entregou esta información de forma manifestamente incompleta. Despois desta manobra de opacidade solicitouse unha auditoría que dous meses despois segue sen realizarse. Nestes momentos as traballadoras teñen unha nómina pendente de cobro e a incerteza acumulada de non saber que ocorrerá coas seguintes. 

Así pois, tras un ano de múltiples reunións tanto co empresario como cos seus asesores, e á vista de que non hai ningún compromiso de abonar a nómina de maio, as traballadoras decidiron convocar estes tres días de folga como medida de presión definitiva para garantir a súa estabilidade. Nestes intres a escola está ao tope das prazas que oferta quedando incluso nenos e nenas en listaxe de agarda, o que demostra a súa viabilidade e o recoñecemento social por parte de toda a comunidade educativa. 

Ademais da folga, as traballadoras teñen estabelecido o seguinte calendario de mobilizacións que se levarán a cabo diante das instalacións da escola na Avenida da Mahía, número 39: 

  • Martes ás 12:30 horas: concentración en Bertamiráns.
  • Xoves ás 20:00 horas: concentración en Bertamiráns.

Volver