
As traballadoras da Escola Infantil Merlín convocan unha manifestación para hoxe, mércores 10, despois de 3 xornadas de folga sen ningún avance por parte da empresa
Nestes momentos acumulan as nóminas de maio e xuño sen cobrar e nesta situación mesmo tiveron que reorganizar as súas vacacións para non deixar de prestar o servizo
A manifestación decorrerá desde as instalacións da Escola até o Concello polas rúas de Bertamiráns e celebrarase ás 20 horas. Agardan contar coa mesma asistencia e apoio que na concentración celebrada o pasado 27 de xuño, sobre todo por parte das familias usuarias.

As traballadoras da Escola Infantil Merlín proseguen coa súa loita para cobrar os salarios que lles adebeda a empresa e porque se garanta a viabilidade da mesma. Nestes intres levan sen cobrar os meses de maio e xuño e manteñen a súa profesionalidade acudindo día a día a traballar, incluso reorganizando o seu período de vacacións dado que, de non facelo así, non se cubrirían as ratios de persoal educador por aula, ao non contratar a empresa o persoal suficiente. A situación é tan grave que nestes momentos son as traballadoras as que están a levar todo o peso do funcionamento da escola.
As contas que foron entregadas a pasada semana, após tres meses solicitándoas, á delegada de persoal e á CIG-Ensino non revelan que a empresa non sexa viábel senón que deu beneficios este mesmo ano senón que existe un problema de xestión porque, entre outras situacións anómalas, hai gastos e accións que a empresa sigue sen poder xustificar correctamente. Ante esta situación o colectivo de traballadoras decidiu convocar para mañá mércores, ás 8 da tarde, unha manifestación que percorrerá as rúas de Bertamiráns, saíndo das dependencias da escola para chegar ao Concello. Agardan contar coa asistencia e apoio das últimas concentracións que, sobre todo, a que coincidiu co terceiro día de folga, foi moi numerosa, con máis de un cento de persoas, fundamentalmente familias usuarias da escola. Ao final da mesma tanto a delegada de persoal como unha nai leron un comunicado esixindo a restitución dos dereitos laborais do persoal que traballa na escola e seguridade e futuro para a mesma.
Malia toda esta incerteza, que se remonta a xa hai un ano, as traballadoras reiteran a necesidade de manter a confianza no traballo que realizan e instan a empresa a facer fronte aos pagamentos de maneira inmediata “porque a situación é totalmente inasumíbel”. Por último fan un chamamento á Xunta de Galiza, que financia integramente esta escola, para que interveña e contribúa a resolver a situación dado que se trata dun servizo esencial e moi sensíbel.