As traballadoras da Escola infantil Merlín continúan denunciando impagamentos

A empresa adebeda nóminas unha vez máis a pesar de conseguir de novo a subvención para escolas infantís 0-3 da Xunta de Galiza

A CIG-Ensino denuncia unha vez máis a situación na que continúan as traballadoras da Escola Infantil Merlín de Ames, con continuos impagamentos e incumprimentos de convenio.  A día de hoxe, a escola adebeda as nóminas de novembro e decembro a todas as traballadoras. Esta escola, xestionada polo empresario Carlos Porto Santoro, vén de recibir unha nova axuda, por valor de 190.000 euros por parte da Consellería de Política social da Xunta para o curso 2024-2025. A situación continúa a ser insostíbel para o conxunto das traballadoras, que “fartas da incerteza e de que a empresa continúe sen moverse e buscar solucións reais” volven a esixir unha solución inmediata á xerencia da escola. Cómpre lembrar que as traballadoras levan sufrindo atrasos inxustificados e incumprimentos da normativa laboral desde hai máis de ano e medio, o que está a provocar unha grave situación de desgaste físico e mental na saúde das mesmas, alén dun prexuízo no servizo para as 40 familias que continúan levando os seus fillos/as a esta escola.

A CIG-ENSINO denuncia a “pésima xestión” dos propietarios da Escola infantil Merlín, que, en ano e medio, e con cuantiosas subvencións públicas para a actividade da escola non son quen de, tan sequera “pagar unhas nóminas a tempo”. A este respecto, cómpre informar de que as contas que lles foron entregadas hai unhas semanas á delegada de persoal e á CIG-ENSINO volven revelar o que xa sabemos, que a empresa é viábel  (no último trimestre tivo un beneficio de 5.000 euros), mais hai un claro e grave problema de xestión, xa que entre outras situacións anómalas, hai gastos e accións que a empresa segue sen poder xustificar correctamente.   

A este respecto, tanto a CIG-ENSINO como o conxunto de traballadoras denunciaron a finais do curso pasado esta situación ante a Inspección de traballo, que vén de expedientar e sancionar a esta empresa polos impagamentos, a falta de coordinación directiva e outras cuestións.  

Accións a tomar

As traballadoras continuarán a súa folla de ruta mobilizadora para acadar a normalidade nos seus postos de traballo con vindeiras concentracións, solicitudes de reunión á Consellería de Política Social da Xunta, novos escritos de denuncia ante Inspección e tamén cunha visita ao Parlamento de Galiza en próximas datas para explicar a situación que están atravesando.  “Están en xogo tanto varios postos de traballo como un servizo esencial para 40 familias de Ames”, expresa Silvia González, representante de persoal da escola. Esta lamenta unha vez máis a falta de diálogo do empresario coas traballadoras, quen “lles solicitamos dende hai meses ser informadas periodicamente das supostas negociacións que o empresario di ter con varias persoas interesadas no traspaso da escola. Sabemos de varias persoas e empresas que estaban dispostas a asumir a xestión desta escola, xa que saben que é perfectamente viable, mais sempre se atoparon con atrancos económicos de traspasos inviables por parte do empresario actual” asegura. “Tanto o empresario como nós sabemos que o traspaso é unha das solucións máis viables e positivas e por iso o emprazamos a que nos convoque ás reunións para o mesmo e que acepte as propostas que están enriba da mesa”, sentenciou. 

“As traballadoras estamos desoladas, exhaustas  da incerteza de ter que asistir todos os días ao noso posto de traballo e non saber nunca cando imos cobrar”, afirma a representante da CIG-ENSINO. Tamén se amosan sorprendidas de que a Xunta, nomeadamente a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta volvese a darlle a subvención polo 100% da actividade a esta empresa, coñecedores das súas prácticas en cursos pasados e nomeadamente informados por parte da inspección de traballo das sancións impostas á mesma. Inciden en que solicitarán unha reunión coa Consellería de Política Social para poñelos de novo en coñecemento e buscar alternativas a esta situación .

Manifesta que, “ non aceptaremos de novo o pan para hoxe e fame para mañá que promete a empresa, que afirma dicir que “chegará en breve unha parte da subvención coa que pagaremos as nóminas adebedadas”, pois esa subvención debe ser para pagar as seguintes nóminas e non os atrasos provocados unicamente pola mala praxe e xestión da empresa.  Cómpre lembrar que  o persoal traballador da escola ven sufrindo esta situación dende hai  un ano e medio,  tempo onde convocaron ata tres xornadas de folga e cinco concentracións, entre outras accións mobilizadoras cun grande apoio da comunidade educativa da escola infantil. 

 

Volver