As patronais do ensino concertado ditan as táboas salariais de 2024 e 2025 nun novo acto de entreguismo por parte dos sindicatos maioritarios estatais

A CIG-Ensino negouse a asinar estas táboas, moi afastadas da súa proposta en solitario de suba salarial, e contribuíu a frear unha nova chantaxe patronal que pretendía condicionalas á negociación do VIII Convenio.

O pasado xoves 26 de marzo, despois de máis de 3 reunións “negociadoras” dende a constitución da Mesa do VIII Convenio da concertada o 29 de xaneiro, os sindicatos maioritarios estatais (FSIE, USO e UGT -desta vez CCOO non as asinou-) volven dicirlle “amén” ás patronais do sector, asinando as táboas salariais de 2024 (só para o persoal en pago delegado, xa que as outras xa estaban asinadas) e as de 2025 para todo o persoal en xeral (persoal docente con e sen pago delegado, PAS e persoal complementario).

Para a CIG-Ensino son unhas Táboas salariais asinadas tarde, mal, sen negociación e en precario (por debaixo do IPC de cada ano respectivamente: 2,8% e 2,9%) e sen recuperación do poder adquisitivo perdido (máis do 15% dende o recorte do 5% en 2011), en aplicación dos “Acordos de perdas” asinados por CCOO/UGT co goberno estatal, que recollen unha suba do 2,5% para cada ano (sen cláusula de revisión salarial, como esixía a CIG).

O acordo pódese resumir así:

Ano 2024 - Suba dende 1/01/2024 do 2,5% para persoal en pago delegado (xa aplicado na Galiza).

Ano 2025 - Suba dende o 1/01/2025 do 2,5% para persoal en pago delegado (xa aplicado na Galiza), docentes sen pago delegado, persoal complementario e PAS. Esmola de 15€ e de 10€ a quen teñan un ou dous trienios respectivamente e cobren por debaixo do SMI, para diferenciarse de quen non teña antigüidade e cobre o mesmo SMI obrigado por Lei. O persoal de cociña manterá o diferencial co resto de categorías, outra pequena esmola!!

Proposta presentada pola CIG-Ensino na primeira mesa negociadora:

Como norma xeral para a negociación colectiva, no referente ás táboas salariais, a Confederación Intersindical Galega (CIG) reivindica como mínimo a aplicación dunha cláusula de revisión salarial do IPC interanual de decembro á alza e frear o incremento da fenda salarial con subas lineais. É a forma de lograr a recuperación paulatina do poder adquisitivo perdido nestes últimos anos, lograr salarios dignos e intentar romper o incremento da fenda salarial entre os distintos traballadores/as e categorías (quen cobran máis e quen menos). O sector leva acumulada unha perda de poder adquisitivo de máis do 15% desde o recorte do salario do 5% en 2011, xunto con conxelacións salariais e subidas por baixo do IPC posteriores. Por todo isto, entendemos que esta perda de poder adquisitivo débese ir recuperando de forma gradual nos próximos anos, así como non incrementar a fenda salarial entre categorías, polo que a nosa alternativa é:

A proposta para os dous tipos de táboas salariais de 2025 é unha suba lineal do 5% do salario medio estatal (SME, uns 30.800€) sobre as táboas en vigor de 2024, é dicir, 110 euros/mes en 14 pagas. Os salarios máis baixos adaptaranse ao SMI correspondente, non quedando ningún por baixo del, evitando a absorción de complementos salariais coa inclusión dunha cláusula garantista. Sempre se actuou así neste convenio, fóra dos últimos anos, e hai outros nos que se aplica como o de Infantil 0-3, que é un sector con máis dificultades.

O persoal docente en pago delegado depende dos OXE (Orzamentos Xerais do Estado), tal e como se recolle no convenio que está en vigor e a CIG–Ensino non asinou no seu día. Non compartimos que a negociación estea limitada á suba recollida nos devanditos orzamentos do 2025 e ao que diga un terceiro que non está na negociación, neste caso a Xunta de Galicia, que non paga a PEA (paga extra por antigüidade), complementos por cargos ou outros conceptos.

O resto de persoal (docentes sen pago delegado, persoal complementario e PAS) non ten estas limitacións no convenio e tamén se lle aplican as subidas dos OXE, cando o Estado incrementou as partidas “outros gastos” nun 4% ás empresas (non un 2,5%) e estes traballadores/as non reciben nin 1 € a maiores. En Galiza estas partidas son do 7,5%, polo que as negociacións se deberían trasladar ás CC.AA. As táboas salariais estatais deberían ser de mínimos ou básicas, como sempre defendeu a CIG.

Para a CIG-ENSINO, sobre as táboas de 2024 o incremento para o pago delegado do 2,5% é totalmente insuficiente e inxustificado, como xa o manifestamos tamén para os empregados públicos. Para este sector a situación é máis grave aínda ao estaren peor pagados facendo o mesmo traballo. O IPC de 2024 quedou no 2,8% polo que sería reafirmarse na perda de máis poder adquisitivo. Na liña das nosas propostas, propuxemos a suba do 5% sobre o SME, co incremento lineal de 105 €/mes sobre as táboas de 2023. O salario base mínimo debe ser o SMI de 2024, sen estar ninguén por baixo.

Freada unha nova chantaxe das patronais, mais queda adiada para a negociación do VIII Convenio

 As patronais presentaron dende o primeiro día a subida do 2,5% cada ano para cada unha das táboas, pero con condicións que supoñían unha nova chantaxe e perda de dereitos para o persoal traballador. Pretendían repetir a sinatura das táboas de 2023, supeditadas a prorrogar o VII Convenio un ano máis, pero condicionando as de 2024 e 2025 a:

-Non aplicarse nas CC.AA nas que non aplicasen os módulos cos incrementos dese ano.

-Revisión das saídas con pernocta, desligándoas da aplicación do IPC e eliminando os beneficios dos asociados/as.

-Exclusión dos beneficios en bolsas e excursións para fillos/as do persoal traballador cando non estuden no mesmo centro que traballa algún proxenitor.

Desta vez, dende a parte social logrouse frear e impedir unha nova chantaxe patronal, sendo a CIG a máis clara e contundente, pero o peor é que se adiou entre as partes asinantes á negociación no VIII Convenio, o cal terá xa a primeira mesa negociadora o próximo 9 de abril. Dende a CIG-Ensino trataremos de evitar calquera involución no convenio e camiñar só cara avances reais e significativos, coma sempre fixemos, mais tememos que o rumbo non sexa ese e volvamos a meras adaptacións legais e mínimos avances en dereitos, coma as esmolas dos 15€ a quen, cun trienio ou máis, non chega ao SMI e lle absorben a antigüidade (desta vez levarán unha esmola de 10€ máis quen teña dous ou máis trienios, en total 25€). Dende a CIG-Ensino sempre esiximos, sendo os únicos dende o cambio de criterio da patronal hai uns anos (agora súmanse outras OO.SS), que o Salario Base (SB) mínimo fose igual ao SMI, sen absorcións de complementos, e as diferenzas salariais entre categorías se mantivesen.

Por último, a CIG-Ensino quere denunciar a actitude sectaria e contraria ao que debera ser a negociación colectiva por parte dos asinantes, sindicatos e patronais, polo feito de non mandarnos os documentos asinados das Táboas salariais de 2024 e 2025, motivo polo que facemos pública esta información tan tarde, na espera de que nos chegasen, mais a día de hoxe seguimos sen recibila (sen ser a primeira vez que ocorre). Parece que vai no camiño doutra situación que tampouco comparte a CIG, que é o feito de non figurar os non asinantes nas actas finais de acordos, táboas ou mesmo convenios que se visualizan nos BOE, nunha clara ocultación pública de quen disente ou non traga con todo.

Volver