As organizacións sindicais e estudantís galegas fan un chamamento a secundar a folga convocada nas universidades públicas galegas

E as mobilizacións convocadas nas 7 cidades para o día 24 de marzo

Organizacións sindicais e estudantís galegas compareceron este mércores, en rolda de prensa conxunta,  para facer un chamamento a secundar as manifestacións previstas nas sete cidades e a folga convocada para o vindeiro día 24 de marzo contra o Decreto 3+2. Un chamamento que as organizacións estudantís fixeron extensivo tamén ao estudantado non universitario. Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, alertou de que este Decreto “é letal para as universidades públicas” e denunciou que persegue limitar o acceso ás clases populares e favorecer a súa mercantilización e privatización.

Anxo Louzao: “O Decreto 3+2 é unha medida letal para as universidades públicas galegas”

Louzao lembrou que o Decreto 3+2 aprobado polo goberno vén reestruturar os estudos universitarios que, até o de agora, se impartían en ciclos de catro anos máis un mestrado de un ano e agora pasan a ter 3 e estenden os mestrados a 2 anos. Contextualizou esta proposta na política educativa do PP, que se traslada ao goberno galego, coa que se pretende “afondar na privatización do ensino, desmantelar o sistema público e limitar o acceso ao ensino superior”.

Este decreto é para CIG un chanzo máis de todo un bloque de medidas orientadas a crear unha universidade elitista, allea ás clases populares e ao servizo da empresa privada. E así o explicou Louzao quen alertou de que “teñen  previsto modificar o acceso á función docente cun sistema de acreditación menos transparente, menos imparcial e menos obxectivo que vai supor unha menor calidade”.

A isto engadiu que tamén se pretenden flexibilizar os criterios para a creación de universidades privadas para aliviar os criterios para a súa posta en marcha e denunciou que a consecuencia máis inmediata de todas estas reformas será “expulsar as clases populares do ensino universitario, restrinxindo o acceso a quen o poida pagar”.

Neste sentido, denunciou tamén que o 3+2 vai supor degradar os estudos universitarios e provocar que a cualificación sexa “insuficiente” e “inservíbel” se non se ten un mestrado. “As matrículas van ser inalcanzábeis ao seren os mestrados moito máis caros que os graos.

Advertiu que a pretensión do PP é desviar os mestrados á privada, que hoxe xa ten un peso máis alto na oferta de mestrados que as universidades públicas e que isto provocará que haxa menos profesorado, menos calidade e menos investigación.

Con todo, para a CIG é especialmente grave a fenda na división social e de clases que vai ter esta medida entendendo que “van ser exclusivamente os e as que poidan pagar quen, no mellor dos casos, poderán facer un grao”. Neste sentido, comparou o novo sistema coa Formación Profesional á que só se pode acceder co bacharelato superior e os ciclos son de dous anos e declarou que “o nivel que se acade con esas titulacións vai ser moi semellante ao acadado coa formación profesional”.

Ao seu entender isto vai golpear con “máis dureza e crueldade” o sistema universitario galego que xa ten un precario financiamento, xa que está moi lonxe do 1% do PIB que sería necesario para ter un ensino da máxima calidade; que viu reducidos os seus orzamentos, nos últimos 5 anos en 86 millóns de €;  que viu incrementadas as taxas tanto de matrícula dos graos como dos mestrados e que se destruíu emprego, con máis de 350 profesores/as menos, o que se corresponde con aproximadamente o 8% menos nos cadros de persoal e en 1.287 investigadores.

Para Louzao estas son as mostras máis evidentes de cales son os obxectivos que perseguen tanto o PP como o Ministro de Educación e a propia Consellaría de Educación, da que denunciou a súa “actitude submisa” coas posicións “máis ultras do punto de vista ideolóxico, máis privatizadoras e máis en contra do que debe ser a igualdade de oportunidades e o acceso ao ensino superior de todas as clases sociais”.

O secretario nacional da CIG-Ensino subliñou ante isto que hai máis que razóns suficientes e salientou que, de feito, a gravidade destas medidas fixo que todas as organizacións sindicais convocantes desta folga, CIG, CCOO, UGT e CSIF, uniran criterios nunha plataforma na que están todos representados e representadas.

En representación das organizacións estudantís -Comités, Liga, AGIR, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes- falou Mónica Martínez que  tamén fixo un chamamento a todo o estudantado universitario e non universitario a secundar esta folga e as mobilizacións convocadas nas sete cidades. “Temos que demostrar que o estudantado galego está en contra, que queremos unha universidade pública e de calidade”.

Volver