As organizacións sindicais do ensino non acoden ao Consello Escolar de Galiza pola ausencia de negociación coa Consellaría de Educación

Nos últimos anos non se creou ningunha comisión de traballo neste órgano, nin sequera ante o debate da reforma educativa.

A iniciativa da CIG-Ensino todos os sindicatos que teñen representación no CEG pretenden amosar con esta decisión o seu profundo malestar pola intención da Consellaría de baleirar de contido todas as mesas e órganos de negociación.

A CIG-Ensino remitiulle onte un escrito en nome de todas as organizacións sindicais á presidencia do Consello Escolar de Galiza para informar da decisión unánime de non asistir hoxe ao pleno deste órgano pola ausencia de negociación da Consellaría de Educación e nomeadamente da súa Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa. No documento expoñen, entre outros motivos, que o CEG ficou absolutamente baleiro de contidos nos últimos anos “cumprindo unha mera función de revisión formal de decretos de titulacións de FP” e que durante o mandato deste goberno non se constituíron comisións de traballo para a elaboración de propostas, “nin sequera cando o Consello Escolar do Estado abriu a posibilidade de que os diferentes Consellos autonómicos fixaran a súa posición no debate sobre a reforma educativa”.

As críticas contra a administración céntranse tamén en que os debates levados a cabo no que é o máximo órgano de participación en educación son totalmente estériles porque a Consellaría obvia de forma sistémica o pouco que se aproba nel aínda que sexa por maioría.

Pero no documento as OOSS aproveitan tamén para denunciar que o goberno da Xunta despreza tamén outros órganos de negociación, como é o caso da Mesa Sectorial “porque cada ano hai máis cuestións que afectan directamente ao profesorado que non se levan a esta Mesa” e poñen como exemplo tamén o abandono da negociación o pasado 6 de xuño por parte do director xeral de Educación e FP cando aínda restaban dúas ordes a debater da súa competencia, así como diversos asuntos que as organizacións levaron ao apartado de varios.

Segundo plante nun mes á Dirección Xeral de Educación e FP

Por parte da CIG-Ensino este é o segundo plante que leva a cabo neste mes a un organismo no que está presente esta Dirección Xeral logo de decidir non acudir ao Consello Galego de Formación Profesional ante a falta de información aos centros educativos e negociación previa da oferta formativa de FP para o vindeiro curso 2019/2020. Con esta actitude reiterada por parte da Consellaría de non atender os requerimentos dos lexítimos representantes do profesorado o que se pon de manisfesto é que a convocatoria destes órganos responde só ao mero cumprimento da legalidade pero a unha total falta de interese por contrastar as propostas que ten a comunidade educativa para mellorar a calidade do ensino e as condicións de traballo do persoal docente.

Volver