As Organizacións Sindicais continúan pechadas e incomunicadas no despacho do Conselleiro de Educación

Ampliación do horario do profesorado

Cando son as 13 horas, continúa o peche de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial no despacho do Conselleiro de Educación. Desde as 12 da mañá están incomunicadas, impedindo a Consellaría o acceso dos medios de comunicación ao local onde se encontran as organizacións sindicais.

O Secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou no mesmo peche, ás 11:15 h. que é a vontade de todas as organizacións sindicais continuar no mesmo até que compareza o Conselleiro de Educación co obxecto de que retire a proposta que modifica o horario lectivo do profesorado do ensino público de maneira unilateral e antidemocrática, liquidando o Acordo de 8 de xuño de 2007, asinado por todas as organizacións que conformaban naquel momento a Mesa Sectorial.

Anxo Louzao valorou positivamente a incidencia do paro nos centros escolares. O paro foi apoiado na maior parte dos centros, o que é unha mostra do rexeitamento total e absoluto a esta proposta irracional e contraria á calidade do ensino público que supón a supresión de máis de 1000 postos de traballo e o empeoramento das condicións de traballo

Volver