As organización sindicais CIG, CCOO e UGT péchanse na Consellaría de Educación

Reclaman a convocatoria urxente da Mesa Tripartita do Ensino concertado que leva dous anos sen convocarse. Úrxelle un Acordo de Mantemento de Emprego que evite a destrución de postos de traballo

No día de hoxe as tres organización sindicais presentaron por rexistro unha proposta para acadar un Acordo de Mantemento de Emprego que resolvería o problema de moitas persoas traballadoras e centros educativos, sen apenas incremento do orzamento respecto ao do curso pasado.   

A evolución da natalidade está reducindo ano a ano a matrícula nos centros educativos. Moitos comezan a ter dificultades e a 17 acaban xa de comunicarlle o peche de unidades. A tendencia á baixa da natalidade durante a última década, acelerouse nos anos 2020 e 2021. O panorama vai ser anda máis sombrío para os vindeiros cursos, cando os nacidos neses anos se incorporen ás aulas. 

Resolver o problema mellorando a calidade do ensino

Sostemos que esta situación de descenso da natalidade, pode e debe ser aproveitada para avantar na mellora da calidade do sistema educativo. A nosa proposta recolle medidas efectivas para resolver o problema. Sen incrementar o orzamento educativo, pódese abordar a redución das ratios alumnado/unidade no ensino. Esa medida permitiría mellorar a atención ao alumnado, maior cohesión, favorecería a inclusión e o traballo colaborativo, etc. das que a nosa educación anda necesitada. Outras medidas que propomos (e que xa se dan noutras Comunidades) como a reposición da xubilación parcial, o incremento da dotación horaria aos centros que recolocan, a obrigatoriedade das patronais de acudir á bolsa de contratación, a redución da xornada lectiva, contribuirán sen dúbida a mellorar a calidade do ensino e a resolver o problema do persoal traballador e das empresas. 

A Consellaría ten a obriga de dialogar e negociar

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO reclamámoslle á Consellaría de Educación que, diante dunha situación altamente preocupante, se sente a negociar cos traballadores dos centros concertados, algo que leva sen facer nos 12 últimos anos. Preocúpanos que, unha vez máis,  a Consellaría opte por aplicar medidas de recorte. Levámoslle solicitado con máis insistencia ca éxito que se sente cos axentes sociais. A súa xordeira empúrranos a medidas máis contundentes que se incrementarán se non obtemos ese mínimo que se espera dun goberno democrático: o diálogo cos axentes sociais e a capacidade de chegar a acordos.

Outros rebentaron a unidade sindical

Desafortunadamente, non participamos todas as organizacións sindicais, FSIE, sindicato maioritario do Ensino Concertado, dinamitou a unidade sindical existente e escolleu poñerse debaixo do paraugas da patronal abrazando as súas liñas vermellas a costa  dos dereitos dos traballadores. Volverá ser a voz do seu amo reproducindo as consignas e mentres que lle diten e atacando aos que non seguen os ditados da patronal. Curiosa organización sindical que só se mobiliza cando o ordena a patronal e por intereses electorais.

É de recoñecer os comunicados de USO e SNEP aclarando os feitos acontecidos e denunciando a manipulación e mentiras de FSIE.  

Obxectivo logrado

O Conselleiro recibirá ás organizacións sindicais o 5 ou 6 de xullo.

Previamente as distintas organizacións sindicais serán recibidas polo director xeral de centros e recursos humanos.

Rexeitamos e denunciamos a manipulación e as mentiras da patronal e FSIE!

A mentira ten as patas moi curtas

 

CIG-Informa As organización sindicais CIG, CCOO e UGT péchanse na Consellaría de Educación

Documento


Volver