As mobilizacións na ESAD comezan a dar os seus froitos

Entre as demandas aceptadas está a restitución dunha praza e media do persoal recortado, o relevo do inspector e o recoñecemento das titorías dentro do horario docente

Despois de tres días de folga e concentracións en Vigo, Pontevedra e Compostela convocadas e apoiadas en todo momento pola CIG-Ensino, a Xefatura Territorial rectificou e aceptou algunhas das demandas do profesorado e alumnado da ESAD.

Nunha reunión celebrada o pasado venres entre a dirección do centro e unha delegación da Inspección Educativa acadáronse tres importantes compromisos: 

1.-  Revisar o cadro de persoal do centro e incrementalo nunha praza e media. Unha de Dramaturxia e media de Espazo Escénico. Isto supón a restitución da metade do profesorado que fora eliminado neste curso.

2.-Recoñecer as Titorías Docentes dentro do horario lectivo do profesorado cun mínimo de 3 horas. Na Escola xa viñan aplicando esa figura desde 2012 por mor da entrada no Espazo Europeo de Educación Superior, pois o crédito ECTS contempla non só a docencia directa senón tamén as actividades académicas complementarias, como titorías, que son especialmente necesarias na Educación Superior.

3.-Relevar e substituír o inspector do centro con carácter inmediato, con data de 1 de outubro, elemento fundamental para favorecer a convivencia entre a a comunidade educativa da ESAD e a administración educativa. 

Non acadamos todos os obxectivos demandados, nomeadamente a recuperación da totalidade do profesorado, mais temos que felicitarnos polo esforzo, a afouteza e a combatividade do profesorado e alumnado da ESAD. 

Quedan asuntos pendentes, comezando pola recuperación ao completo do cadro de persoal necesario e demandado polo centro e, por suposto, a adscrición á Universidade das Ensinanzas Artísticas Superiores. Desde a CIG-Ensino imos ter ben presentes estas cuestións e estaremos vixiantes co que aconteza nesta Escola. 

Quedou ben patente neste conflito que fronte ao desleixo sempre é preferíbel a loita e a mobilización. A negativa a negociar e a escasa empatía e preocupación, a diferentes niveis de responsabilidade, desde a Inspección e a xefatura territorial aos servizos centrais e o anterior conselleiro, levounos a un conflito do que o profesorado e a CIG-Ensino saímos coa convicción que, malia non conseguir todos os nosos obxectivos, si demos un paso adiante fundamental na defensa dos dereitos do profesorado do centro e da calidade das ensinanzas de arte dramática no país. Somos consciente de que o esforzo destas semanas, xunto con outros conflitos como o do IES de Brión, son o camiño a seguir fronte ás políticas de recortes da Consellaría de Educación e nesa loita sempre estará a CIG-Ensino.

Volver