As licenzas por formación da Consellaría, sen retribuír e insuficientes
O recorte neste dereito perpetúase un ano máis dado que o número de solicitudes foi superior ao das prazas ofertadas pola administración, tal e como alertara a CIG-Ensino tras a publicación da convocatoria en maio.
Na súa liña de recortes de dereitos do profesorado, a Consellaría de Educación aséntase na decisión de eliminar as licenzas por formación retribuídas para ofertar unicamente as non remuneradas e, á súa vez, dotalas cun ridículo número de meses.
As licenzas retribuídas xa se viñeron reducindo na súa duración nos anos previos pois pasaron de abranguer un curso completo ou a metade para rematar estudos a só de un até tres meses para elaborar material didáctico. Deste xeito, a Consellería porfía en roubar dereitos do profesorado como ocorreu anteriormente coas licenzas por estudos. Desde a CIG-Ensino denunciamos a perda deste dereito e esiximos a convocatoria de licenzas retribuídas, así como a recuperación das licenzas por estudos das que puido gozar moito profesorado galego aínda hoxe en activo.
Onte foi reunión da comisión da resolución definitiva das licenzas sen retribuír que se incorporaron no Acordo de melloras no sistema educativo galego, asinado no 2023 por CCOO, UGT e ANPE e ao que tamén se sumou CSIF, como unha medida de “mellora da carreira profesional”. Como criticamos no seu día, non poden entenderse como tal unhas licenzas que carecen de retribución económica e que obrigan o profesorado a asumir unha importante perda salarial para poder continuar a súa formación ou realizar investigacións que van repercutir na atención do seu alumnado.
No pasado curso, a CIG-E nsino denunciou que os 96 meses ofertados non foron suficientes para conceder o número de peticións recibidas. Na comisión de selección á que asistimos, con voz e sen voto, respondéusenos que se tratara dunha falta de previsión xa que a Administración non contaba con tantas peticións. Foi claramente unha resposta de “mal pagador” xa que este ano o número de meses foi o mesmo e, en consecuencia, volveron quedar persoas sen licenza. Se o número de peticións foi de 8 na convocatoria de 2024, 23 na do 2025, na presente convocatoria as solicitudes foron 25, das cales se excluíron 3 por non cumprir os requisitos da convocatoria. Na modalidade A (para rematar graos, mestrados ou doutoramentos) concedéronse 8, quedando 5 persoas sen praza. No caso da modalidade B (para realizar proxectos ou actividades inéditas de interese para o sistema educativo galego) foron 7 as prazas concedidas e quedaron fóra do proceso 2 persoas.
Con estes datos, queda patente a mesquindade dunha Consellería que, ademais de eliminar as licenzas retribuídas, trata de aforrar nunhas licenzas sen retribuír das que só se fai cargo da parte económica do pagamento da Seguridade Social das persoas que as obteñan. Con agravante, iso si, de que estas persoas, ademais de non recibir o seu salario durante a licenza, serán requiridas ao final da mesma para que devolvan o importe económico correspondente ás cotas de MUFACE.
Por outro lado, na pasada convocatoria puidemos comprobar como profesorado interesado dubidaba se solicitar medio curso ou o curso completo por medo a quedar sen praza de optar pola segunda opción. Evidénciase, así, que se forza ao persoal docente a pelexar por migallas ao tempo que se lle dá un trato inadmisíbel.
Outro aspecto a ter en conta é o relacionado cos prazos de publicación de resolución da convocatoria. Insistimos en que, se ben se adiantou a resolución con respecto ao curso anterior (do 13 ao 26 de agosto), esta debería resolverse antes da adxudicación de destinos provisionais para facilitar os trámites das conseguintes substitucións. Dado que a resolución definitiva das licenzas foi posterior á do CADP, interpelamos á Consellería para que se estaebleza a pertinente comunicación cos centros e departamentos implicados de xeito que a persoa que ten concedida unha licenza por todo o curso non sexa requirida no centro a comezos do mesmo e se cubra a súa substitución desde o día 1 de setembro.
Desde a CIG-Ensino queremos incidir en que mentres a administración incrementa constantemente as esixencias de dixitalización, formación permanente, atención á diversidade e adaptación aos novos retos educativos, continúa ofrecendo un tipo de licenzas claramente raquítico e economicamente inaccesible para boa parte do colectivo docente. Non se nos poden vender, polo tanto, unhas licenzas como mellora da carreira profesional cando a posibilidade de gozalas, en caso de que se lle concedan, depende en última instancia da capacidade económica individual da ou do docente.
O profesorado leva anos asumindo máis burocracia, máis responsabilidades e máis presión sen o respaldo nin os recursos necesarios, polo que resulta imprescindible recuperar as licenzas retribuídas e aumentar de maneira substancial o número de licenzas sen retribuír, facéndoas máis accesíbeis e flexíbeis ás necesidades docentes, de xeito que se avance cara a un modelo de formación verdadeiramente accesible e digno para a mellora do ensino público galego e da carreira profesional do profesorado.

