As familias da EEI Vila Laura reclaman unha mestra de apoio nun inicio de curso marcado polos recortes e a falta de persoal na comarca de Vigo

A CIG-Ensino estivo presente na concentración convocada pola ANPA Magnolia e esixe á Consellaría unha solución ás demandas dos centros

A CIG-Ensino ten constancia de falta de persoal tamén no CEIP Infante Felipe de Salvaterra, CEIP Antonio Carpintero de Arbo, CEIP Altamar de Vigo, CEIP Frida de Teis, CEP Altamira, CEIP Alexandre Bóveda de Redondela, IES de Teis, CIFP Manuel Antonio, CIFP Audiovisual, CIFP Paz Andrade, CIFP a Granxa, IES Chapela, IES Pedro Floriani, CEIP San Roque de Arbo ou no Pazo da Mercé das Neves.

As familias da EEI Vila Laura están levando a cabo concentración para esixir a incorporación da mestra de apoio que lles corresponde polo elevado número de unidades que teñen de infantil. A falta desta docente compromete apoios ao alumnado con máis necesidades e reduce a capacidade da escola para atender ausencias e outras incidencias. Ademais, a solución dada pola administración, que é que os apoios os realicen membros do departamento de Orientación, non se pode consentir porque queda outro alumnado sen a atención que precisa.

Vacantes sen cubrir e falta de profesorado 

A situación desta escola forma parte dun problema máis amplo de vacantes sen cubrir e de postos que non se están a dotar aínda correspondendo por catálogo, nomeadamente apoios de infantil e especialistas para atención á diversidade. Para a CIG-Ensino, a falta de cobertura efectiva destas prazas está a provocar unha sobrecarga dos equipos docentes, a dificultar a atención individualizada e a obrigar aos centros a reorganizar os seus recursos para poder garantir o funcionamento ordinario.

No CEIP Infante Felipe de Salvaterra reclámase unha docente máis de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL) do catálogo e unha orientadora a xornada completa.

No CEIP Antonio Carpintero de Arbo non se cubriu unha praza de PT do catálogo.

No CEIP Altamar de Vigo a dotación de PT de atención preferente do curso pasado foi substituída por unha de media xornada.

No CEIP Frián de Teis especialistas de PT están asumindo titorías debido á falta de profesorado.

As familias do CEP Altamira denuncian tamén masificación nas aulas de primeiro de primaria, que pasaron das catro previstas a tres.

A CIG-Ensino denuncia que as dotacións de atención preferente, destinadas a responder necesidades específicas do alumnado, non poden servir como escusa para deixar sen cubrir postos ordinarios, xa que a consecuencia é menos capacidade para atender a diversidade.

O sindicato reclama ademáis que as vacantes estruturais e as substitucións se cubran con carácter inmediato.  

No IES de Teis, trala protesta realizada a pasada semana, o profesorado, ante a ausencia total de solucións, convocará concentracións semanais todos os martes ás 11:50h, na entrada do instituto. Actualmente acumúlanse máis de 80 incidencias técnicas sen atender que dificultan gravemente a actividade docente e afectan a máis de 1.700 usuarios, 700 ordenadores e toda a infraestrutura de servizos informáticos do centro.

O sindicato sinalou tamén falta de profesorado en máis centros da comarca, como no CIFP Manuel Antonio, no CIFP Audiovisual, no CIFP Paz Andrade, no CIFP a Granxa, no IES Chapela, no IES Pedro Floriani, no CEIP Frián, no CEIP Alexandre Bóveda de Chapela, no CEIP San Roque de Arbo ou no Pazo da Mercé das Neves.

A CIG-Ensino esixe á Consellaría a incorporación da terceira mestra de apoio no Vila Laura, a cobertura das vacantes de xeito inmediato e unha solución para todas as incidencias pendentes. O inicio de curso non pode sosterse co sobreesforzo do profesorado mentres a administración educativa non dá resposta ás necesidades dos centros.

Volver