As demandas xudiciais da CIG-Ensino obrigan á Consellaría a ofertar no CADP prazas do Plan Mega como interinidades

A rectificación prodúcese despois de que haxa data de xuízo para algunha das demandas nas que se reclamaba o cobro do verán por parte de persoal nomeado para cubrir necesidades estruturais dos centros e que foi cesado a 30 de xuño

A Consellaría só acerta cando rectifica, aínda que neste caso parcialmente. A CIG-Ensino denunciou o curso pasado que o Plan Mega, do que segue sen haber información oficial á marxe das notas de prensa da administración, se nutría de fondos externos (UE e Ministerio) destinados ao reforzo da educación inclusiva ou das competencias matemática e lectora para pagar salarios de prazas ordinarias de mestras e mestras, moitas delas para desdobres de aulas que superaban a ratio máxima legal. A este uso fraudulento destas partidas uníase a precariedade destes nomeamentos, realizados unha vez iniciado o curso e con data de finalización o día 30 de xuño de 2025. A campaña de demandas iniciada pola CIG-Ensino para reclamar que se estenderan durante todo o verán tanto a nivel económico como administrativo, con datas de xuízos rápidos xa fixadas, fixo que para o próximo curso se inclúan estas vacantes como interinidades adxudicadas no CADP. Con todo, o sindicato segue reclamando que este tipo de prazas se sufraguen con fondos propios e se destinen a reforzos, sobre todo no que ten que ver coa atención á diversidade, as partidas remitidas polo Ministerio para os distintos programas que a Consellaría empregou para crear o Plan MEGA.

O Plan MEGA-Trola, como o denominou a CIG-Ensino, vai pouco a pouco desenmascarándose. Despois de que o ano pasado o sindicato maioritario no ensino público galego denunciara que a Consellaría empregara este novo programa para dotar os centros de infantil e primaria en setembro do persoal que lles negara en xullo e de que os 200 contratos anunciados quedaran en 163 prazas, das cales só 121 (o 74%) foron a xornada completa, o seguinte paso foi presentar demandas xudiciais recorrendo o cese deste persoal a 30 de xuño. En total, estivo contratado 10 meses e 20 días, o que supuxo un importante aforro para a Consellaría a respecto de que o tipo de contratos foran interinidades. Admitidas a trámite estas demandas e algunha con data para o xuízo rápido xa fixada, a decisión de incluír este curso na adxudicación do CADP as prazas deste plan que corresponden a desdobres de aulas sobre todo por superar os 25 estudantes máximos (ou 20 en 4º e 5º de infantil), supón unha emenda ao modus operandi da Consellaría do pasado curso e unha confirmación de que a presión xudicial da CIG deu os seus froitos.

Cómpre lembrar cal foi a distribución de fondos anunciada polo Ministerio de Educación para Galiza o pasado ano, que ascendía a preto de 6 millóns de euros en total, e a finalidade que tiñan estas partidas:

Malia esta rectificación, o sindicato nacionalista segue a afearlle ao departamento que dirixe Román Rodríguez que utilice fondos alleos para pagar salarios de persoal que ocupa prazas ordinarias e que non está realizando os reforzos para os que estaban destinadas estas partidas. Ademais moitas outras vacantes do Plan Mega van seguir sendo precarias dado que se ofertarán como medias xornadas unha vez iniciado o curso (o pasado foron un total de 42) ou como substitucións como no caso do PROA+, que o ano pasado deixou a 344 centros fóra (máis da metade dos 642 que o solicitaron).

Volver