As delegadas da CIG-Ensino nas escolas infantís de 0 a 3 anos deciden sumarse á convocatoria de catro días de folga

O sindicato apoia esta decisión amosando que está onde sempre ten que estar, na defensa das traballadoras e dos seus dereitos, malia ser crítico coa forma en que CCOO convocou esta folga en solitario.

Nunha asemblea celebrada onte por videoconferencia na que participaron masivamente as delegadas da CIG-Ensino nas escolas infantís de xestión privada ou indirecta (un colectivo moi precarizado que agrupa a 2000 traballadoras en Galiza), unha vez escoitadas as afiliadas e as súas compañeiras de traballo nos centros, decidiuse secundar a folga convocada para os días 19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro. Tras o debate suscitado polas formas en que CCOO rexistrou este paro, en solitario, e despois de rexeitar o ofrecemento da CIG-Ensino, que é o sindicato maioritario deste sector en Galiza, de reclamar un Convenio Galego digno se non se conseguen melloras no XIII Convenio estatal, as representantes sindicais optaron pola maior unidade posíbel, pois entenden que é o único camiño de poder avanzar nos seus dereitos, sobre todo despois de ver o éxito da folga e mobilizacións levadas a cabo en xuño. Unha convocatoria, na que malia os servizos mínimos abusivos, participaron o 80% das traballadoras dos 200 centros que hai en Galiza deste tipo.

Desde a CIG-Ensino mantense unha posición moi crítica co papel xogado polos sindicatos estatais nesta negociación que derivou en conflito porque as condicións destas traballadoras xa é insostíbel. En primeiro lugar cabe destacar o entreguismo de UGT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país, que apenas cobran o Salario Mínimo Interprofesional e que non ven recoñecida a enorme responsabilidade social que ten o seu traballo. A “escusa” dada por estas tres centrais, que actúan con total entrega á patronal, é que “non ven unha convocatoria de folga de tantos días”. O sindicato nacionalista entende que a folga segue a ser o instrumento máis valioso que ten a clase traballadora para forzar o empresariado a pactar melloras laborais e que cómpre actuar, como xa denunciou publicamente, ante a pasividade das centrais estatais cando hai convocada unha nova Mesa de negociación para o día 2 de novembro.

Na reunión de onte acordouse tamén repetir as mobilizacións que tiveron moita afluencia no mes de xuño, en Vigo diante do Museo Marco e na Coruña no Obelisco, e amosaron a súa preocupación polos servizos mínimos que nas anteriores convocatorias foron abusivos, publicados a última hora, sen marxe para poder denuncialos, incluso por parte dos Concellos que teñen subcontratados os centros de educación infantil.

De momento nada se sabe deses servizos mínimos porque a patronal nin o sindicato USE non se presentaron ao SIMA (sistema de mediación e arbitraxe para resolver conflitos, para que un arbitro/a medie e decida) celebrado en Madrid, nun novo ninguneo ás traballadoras deste sector.

Desprezo unha vez máis á representación maioritaria das traballadoras

Malia que o sindicato nacionalista é coherente e firme coa súa posición de defensa a ultranza das traballadoras galegas non pode deixar de criticar que CCOO tomara esta decisión unilateralmente. Non é a primeira vez nin seguramente sexa a última que os sindicatos estatais ignoran á CIG-Ensino, malia ser o sindicato maioritario en Galiza neste sector e que participa canda eles nas negociacións en Madrid do XIII convenio estatal de educación infantil etapa 0-3.

Para máis información sobre todo o procedemento de negociación e os pasos dados nos últimos meses pódese acceder a este relato dos feitos. 

Volver