As contas que non contan
A CIG-Ensino alégrase de que a Consellaría regularizara o incremento na titoría e nos sexenios despois de reclamarllo hai un ano e lamenta que a suba dos salarios públicos siga por debaixo do IPC sumando unha perda do 20% de poder adquisitivo desde 2010
O profesorado galego recibiu onte unha ou varias nóminas, dependendo de se traballou nunha soa provincia ou en varias en 2025, e tamén os ingresos correspondentes á suba do 2,5% do seu salario correspondente ao ano pasado e que non puidera cobrarse pola falta de Orzamentos Xerais do Estado. A CIG-Ensino fai varias valoracións sobre as cantidades recibidas para que o persoal docente teña todo o contexto e non só a propaganda de uns e a contrapropaganda de outros.
- Nos últimos dous acordos salariais pactados polo goberno central cos sindicatos estatais desde o ano 2022 só un ano superou o incremento salarial o do custe da vida. A CIG Área Pública (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) denunciou que a suba pactada en Madrid, excluíndo ao sindicato maioritario en Galiza, supón unha perda dun 2,5% de poder adquisitivo nos últimos catro anos, e que se sitúa nun 20% se se toma en consideración os datos do IPC desde 2010.
- Nunha nómina media, dunha profesora de secundaria con 2 sexenios, esta suba supón un incremento de 61 euros ou de 52 ao mes dependendo de se se teñen en conta 12 ou 14 pagas. Calquera docente pode comprobar que a suba do custo da vida é moi superior.
- Os sindicatos estatais pactaron subas por debaixo das aplicadas polo goberno do Estado para as pensións, o que resulta insólito, dado que a tendencia sempre foi á inversa. En todo caso, o lóxico sería situar ambas subas en cantidades similares e sempre garantindo que fosen superiores ao incremento do IPC. Cando remate 2026 as pensións terán subido desde 2022 un 20,30% fronte a un 13,5% os soldos do persoal empregado público.
- Outro exemplo que amosa o “entreguismo sindical” de CCOO, UGT e CSIF é que a suba pactada para os salarios públicos para o ano 2025, por exemplo, foi do 2,5% mentres a media nos convenios no sector privado asinados no conxunto do Estado foi do 3,4% e en Galiza do 3,5%, froito tamén da presión exercida pola CIG como sindicato maioritario.
O que non conta a Xunta
Estas días interesadamente a Xunta aparece como a “executora” dunha suba que obviamente nada ten que ver con ela, mais entre a propaganda auspiciada polos medios públicos e os subvencionados en Galiza e o feito de que o persoal docente reciba a nómina da Consellaría pode dar lugar a confusión. O salario do profesorado galego está composto por varios conceptos dos cales o complemento específico, as titorías, os sexenios e os complementos por cargos son competencia da Xunta. Como ben saben as máis de 30.000 docentes que traballan para a Consellaría de Educación as últimas subas aplicadas polo departamento de Román Rodríguez foron as do Acordo de Melloras que se resumen nun 10% na contía da titoría e dos sexenios nos anos 2024 e 2025 e para determinados colectivos con cargos, inspeccións e asesorías. Con todo, nesta suba, a das titorías e dos sexenios, a CIG-Ensino advertiu unha trampa a comezos do ano pasado que denunciou publicamente e que levou á Mesa Sectorial: o incremento que había que aplicar en 2025 nestes dous conceptos non estaba calculado sobre a contía final de 2024 senón sobre a de 2023.
A CIG-Ensino vén de comprobar que a súa denuncia e insistencia serviu para que a Xunta regularizara na nómina de decembro tamén esta deficiencia e aplicara a suba íntegra do 10% na titoría e nos sexenios sobre 2024. Aínda que tarde, coma sempre, a Xunta acerta cando rectifica. Con todo, non hai prevista no horizonte ningunha negociación, como a que pide o sindicato maioritario entre o persoal docente galego, para incrementar os complementos que dependen da Consellaría na nosas nóminas unha vez rematado o prazo da pírrica aplicación do mal chamado Acordo de Melloras. A proposta da CIG-Ensino é un incremento lineal para todo o profesorado no complemento específico e nas titorías, ao contrario das subas selectivas só para determinados colectivos pactada pola Consellaría e os tres sindicatos asinantes. É por isto que o sindicato continuará con mobilizacións e protestas para incluír tamén as reivindicacións salariais entre as cuestións que é preciso negociar para evitar a falta de recoñecemento da profesión e mesmo a escaseza de profesionais en certas especialidades.

