As cifras do CADP provisional: tan só 396 docentes máis totais, a redución de 125 vacantes na especialidade de Primaria e menos de 100 PT para Secundaria

Comparando a adxudicación provisional para curso 26/27 coa adxudicación definitiva do pasado, os datos revélanse moi lonxe dos 900 docentes a maiores anunciados pola Xunta e demostran que a baixada ás 18h apenas supón un docente de media máis por centro.

A CIG-Ensino pídelle á Consellaría que rectifique e na adxudicación definitiva de destinos, prevista para o 3 de agosto, cubra as necesidades de todos os centros dado que non cumpre con ningunha das dotacións que prometeu (estabilización de PT e AL por riba de catálogo nos centros de infantil e primaria e a maiores 50 prazas de Orientación e 100 de PT para Secundaria).

A propaganda da Xunta ao descuberto. Nin 900 docentes máis en total, nin 50 profesionais de orientación máis nin 100 PT máis para os centros de secundaria. A publicación o venres pasado da adxudicación de destinos provisionais docentes para o curso 2026/27 certifica que o incremento total de docentes a respecto da adxudicación definitiva do curso 25/26 é de só 396 docentes a maiores. No caso de profesionais de Orientación para Secundaria haberá 42 máis e no caso de especialistas de Pedagoxía Terapéutica destinados a esta etapa educativa nin rastro do incremento dese cento de especialistas, dado que foron adxudicadas 5 vacantes menos incluso que o curso pasado (99 fronte a 104).

O estudo realizado pola CIG-Ensino, que se pode ver detallado especialidade a especialidade no documento anexo, conclúe que a redución horaria nos corpos de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial será practicamente a custe cero, dado que as vacantes a maiores en total nestas ensinanzas suman 419 a repartir entre os 404 centros que as imparten. Isto é, sae apenas un docente máis de media por centro, moi lonxe da cifra de 1.000 docentes que se recortaran cando se incrementara o horario de 18 a 20 horas, e tendo en conta que no ano 2012 a oferta de FP era infinitamente inferior que a actual.

Este incremento de docentes faise ademais a custe dunha redución de efectivos no corpo de mestras, 17 adxudicacións menos en total, pero cunha redución alarmante de 125 vacantes na especialidade de Educación Primaria a respecto do curso pasado. As cifras finais vense compensadas por un incremento de 33 nas vacantes en infantil, 59 PT e 30 AL. Nestas dúas últimas especialidades este incremento responde á prometida estabilización dos postos que nestes intres xa teñen por riba de catálogo moitos centros e que non será estabilización de verdade até que as prazas se convoquen para a súa cobertura definitiva no concurso xeral de traslados.

Así as cousas, a addenda ao Acordo de 2023 sáldase cunha situación moi similar ao acordo orixinal, reducindo horario sen incrementar profesorado, o que vai dificultar a organización dos centros e vai significar, como xa alertaron publicamente estes días, unha redución nas materiais optativas e na posibilidade de realizar desdobres e reforzos.

Outros datos de interese da adxudicación

Ademais dos datos máis salientábeis xa sinalados, hai outros que tamén contribúen a desmontar a propaganda continua da Xunta:

  • A atención á diversidade non sae reforzada nesta adxudicación como debera, e como demanda toda a comunidade educativa. O número de prazas para orientación nos centros de educación infantil e primaria permanece inalterábel a respecto do curso pasado e o número de PT (-5) e AL (+4) para os centros de secundaria é menor ou dase un incremento moi raquítico con respecto ao curso pasado.
  • O incremento de vacantes nalgunha especialidade de Secundaria ou de FP responde, en boa medida, ao alto número de prazas desertas que quedaron nas oposicións que veñen de acabar de realizarse.
  • A suposta aposta pola Formación Profesional e o suposto incremento de oferta non van acompasados de maior profesorado, reducíndose incluso moito a cifra do Profesorado especialista de Sectores Singulares da FP, dado que se trata dun colectivo formado por apenas 600 docentes e no que houbo 22 adxudicación menos. Isto confirma as denuncias que recibiu a CIG-Ensino nos últimos días da comunicación de peches de ciclos realizada vía telefónica por parte da administración sen darlle marxe para reaccionar aos centros (Nigrán, Vigo, Redondela, A Coruña, Ourense, Lugo...)
  • Tamén destaca a adxudicación de 11 prazas menos de profesorado especialista, que está nun limbo legal despois da última reforma da Formación Profesional. Precisamente mañá hai unha reunión entre a Consellaría e os sindicatos para abordar o futuro deste colectivo que pode ser convertido en persoal laboral cando até o momento ostentaba a condición de funcionariado.
  • Por último, dase unha diminución do profesorado que imparte docencia nos conservatorios de música (14 prazas menos), nunhas ensinanzas nas que a Consellaría está recortando cada ano e iso que xa contan cunha oferta moi baixa distribuída polo territorio galego. Neste sentido, cómpre salientar as protestas de profesorado e alumnado pola redución de persoal non docente tamén no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

 

Volver