Arrinca en Arzúa o Camiño de Santiago reivindicativo por melloras nos sectores da discapacidade, menores e infantil 0-3

A mobilización culminará o mércores cunha folga parcial de 5 horas (das 9 ás 15 horas) e cunha marcha desde o Monte do Gozo até a sede da Xunta, en San Caetano, con saída ás 11 horas

Representantes sindicais dos sectores da discapacidade, menores e educación infantil 0-3 iniciaron este luns en Arzúa un Camiño de Santiago reivindicativo para reclamar melloras laborais, sociais e salariais, convenios dignos e unha atención de maior calidade para as persoas usuarias destes servizos.

A mobilización arrincou coa participación de case medio cento de vehículos e outro tanto de delegados e delegadas das tres organizacións sindicais. A iniciativa desenvolverase ao longo de tres xornadas: hoxe chegará até Arca, mañá continuará até o Monte do Gozo e o mércores concluirá cunha manifestación a pé desde este punto até a sede da Xunta de Galiza, en San Caetano.

Durante o acto de inicio, os sindicatos denunciaron a situación de precariedade que padecen as persoas traballadoras dos tres sectores e advertiron de que non permitirán que continúe a ignorarse tanto o seu labor como a calidade da atención que prestan.

Neste sentido, criticaron que os salarios continúan situándose en moitos casos no Salario Mínimo Interprofesional, que as ratios son abusivas, que as cargas físicas e psíquicas son cada vez maiores e que persisten importantes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar.

As organizacións convocantes lembraron ademais que levan anos mobilizándose mediante concentracións, manifestacións, peches, escraches e folgas para demandar negociación e melloras laborais. Porén, denunciaron que as reiteradas solicitudes de reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, obtiveron como única resposta o silencio.

Ao seu xuízo, esta actitude supón un desprezo tanto cara ás miles de persoas traballadoras que representan como cara ás persoas usuarias destes servizos sociais, que tamén demandan unha atención pública de calidade.

Reivindicacións por sectores

No ámbito da discapacidade, incluído o servizo de atención temperá, reclaman a aplicación inmediata dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal, a creación dunha mesa tripartita entre Administración, sindicatos e patronais para negociar un complemento salarial autonómico e unha maior dotación de recursos humanos e materiais que permita reducir as ratios e mellorar a atención.

Para o sector de menores, esixen que a Administración cumpra coa totalidade dos pagamentos ás asociacións e que estas apliquen de maneira inmediata o acordo retributivo equiparador autonómico galego recentemente asinado, co fin de garantir o cobro das táboas salariais do V Convenio Estatal. Ademais, demandan a creación dunha mesa tripartita galega para negociar un complemento autonómico, avanzar cara á homologación salarial entre centros, reducir ratios e reforzar os recursos humanos, materiais e as instalacións.

No caso da educación infantil 0-3, reclaman a integración das escolas infantís na Consellería de Educación para recoñecer o seu carácter educativo, a unificación das táboas salariais do XIII Convenio Estatal e a creación dunha mesa tripartita galega que permita negociar un complemento autonómico, reducir ratios e mellorar a calidade educativa. Tamén solicitan máis persoal, mediante a implantación da parella educativa, e máis recursos materiais.

Polo Marco Galego de Relacións Laborais

As organizacións sindicais defenderon tamén que a prioridade pasa por mellorar as condicións laborais, sociais e salariais dos tres sectores a través da negociación colectiva e da apertura do Marco Galego de Relacións Laborais mediante o Consello Galego de Relacións Laborais.

Neste sentido, apostan por impulsar acordos que permitan incrementar os salarios mediante complementos autonómicos, reducir ratios, mellorar as condicións laborais e reforzar os recursos materiais e as instalacións. Como exemplo, destacaron o acordo acadado recentemente no sector de menores, que consideran un modelo a seguir tamén nos ámbitos da discapacidade e da educación infantil 0-3.

Finalmente, responsabilizaron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da situación de conflito existente en numerosos servizos públicos e acusárono de manter unha política de recortes e de negarse a favorecer a negociación. Fronte a esta situación, advertiron de que continuarán mobilizándose até conseguir melloras reais nas condicións laborais e salariais, a redución das ratios, a diminución das cargas de traballo e a implantación dun complemento autonómico galego.

“Pola dignidade laboral! Polo futuro dos servizos sociais e de calidade! Conselleira, escoita: a educación e os coidados non se desprezan!”, concluíron.

Volver