Arrincou a folga xeral coas primeiras accións de madrugada dos piquetes informativos en cidades e vilas
Persoal liberado e delegado de Ensino participou esta madrugada nas accións informativas para contribuír a parar a actividade económica e social na que é a 15ª folga xeral convocada pola central nacionalista desde 1984 após a ditadura.
Ás 00:00 horas arrincaba a xornada de folga xeral convocada pola CIG baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'. Unha xornada de paro e mobilizacións contra a carestía da vida e para exixir medidas para frear a escalada imparábel dos prezos dos produtos básicos e da vivenda e o incremento da precariedade, a pobreza laboral e a deterioración dos servizos públicos.
Co inicio da folga saíron os piquetes en numerosas cidades e vilas, en moitos casos tras celebrar asembleas para perfilar os últimos detalles dunha xornada que será longa, cara os polígonos industriais, fábricas e servizos con quenda de noite.

En Vigo, na farmacéutica Cofano, xa non entrou a quenda de noite, tamén está parada ao 100% FCC, que xestiona a recollida de lixo e a limpeza viaria da cidade. En BorgWarner Zamans na quenda de noite, dun total de 152 persoas só entraron 3 encargados e 8 persoas no taller e na planta de Pescanova de Chapela só entrou unha parte do persoal.
Practicamente todas as empresas do sector da automoción tanto de Vigo como do Porriño están paradas, así como a empresa de loxística e transporte de mercadorías STEF.

Na cidade da Coruña o lixo do Consorcio das Mariñas, que inclúe todos os concellos da área metropolitana -agás a propia Coruña e Arteixo- está parado. Como tamén o está o servizo de recollida de lixo da cidade. De igual maneira en Santiago de Compostela tamén parou a recollida do lixo.
En Ferrol a quenda de noite de Navantia non entrou, o lixo de Narón tampouco e en Ferrol só funcionaron os servizos mínimos.
En Lugo tamén funcionan unicamente os servizos mínimos no servizo de recollida do lixo. E a única cuestión salientábel foi a desproporcionada actuación tanto da Policía Nacional, como da Policía Local no piquete de Ecolugo, onde identificaron a varias persoas sen motivo algún.
En Pontevedra o seguimento é total na quenda de noite de Treves e do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos non saíu nin a quenda de noite, nin os servizos mínimos.
Ademais, en Ribadavia, practicamente todo o persoal da fábrica de pezas e compoñentes metálicos Rubí Automotive da quenda de noite secunda a folga.
Implicación do persoal delegado da CIG-Ensino
Durante a madrugada o persoal delegado da federación de Ensino participou nos piquetes informativos e mesmo esta mañá visitou algún centro educativo como IES Rodeira de Cangas no que secundan a folga 54 de 69 persoas que podían facelo, ao estar decretadas 3 persoas como SSMM.
Manifestacións
A CIG fai un chamamento a secundar masivamente a folga xeral ao longo de toda a xornada e a participar nas manifestacións convocadas polo sindicato nacionalista en 17 cidades e vilas para reclamar actuacións concretas tanto ao Goberno español como á Xunta.
Lista de mobilizacións da folga xeral do 11 de novembro
- VIGO: ás 12:00h. Cruzamento da Drobada
- A CORUÑA: ás 12:00h. Praza de Vigo
- CARBALLO: ás 12:00h. Praza do Concello
- CEE: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo
- PONTEVEDRA: ás 12:00h. Praza da Ferrería
- VILAGARCÍA: ás 12:00h. Casa do Mar
- A ESTRADA: ás 12:00h. Praza do Mercado
- COMPOSTELA: ás 12:00h. Praza Roxa
- RIBEIRA: ás 12:00h. Mercado Municipal
- FERROL: 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro)
- AS PONTES: 12:00h. Praza do Concello
- LUGO: ás 12:00h. Edificio Sindical
- BURELA: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas)
- MONFORTE: ás 12:00h. Praza de España
- OURENSE: ás 11:00h. Edificio Sindical
- O BARCO: ás 12:00h. Praza do Concello
- VERÍN: ás 12:00h. Praza do Concello
A CIG fai, ademais, un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola tarde, que dan continuidade á xornada de folga.

