Arrancan as mobilizacións do profesorado galego pola recuperación horaria cunha concentración masiva de delegadas sindicais fronte á Consellaría
Delegadas da CIG-Ensino e das outras OOSS con representación nas eleccións sindicais levaron a cabo esta mañá unha marcha arredor de San Caetano que rematou cunha concentración fronte ao edificio da Consellaría de Educación
A seguinte mobilización serán concentracións nas sete grandes cidades galegas o próximo 21 de novembro de forma simultánea ás 19:30 horas. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, pediulle á Xunta que non use o persoal docente como arma política na súa pugna co goberno de Madrid e apelou o propio Feijóo a que desbloquee a negociación da recuperación do horario lectivo.

Esta mañá arrancaron as mobilizacións previstas polas organizacións sindicais antes da Folga do 12 de decembro para presionar a Xunta de Galiza a abrir unha negociación que lle permita ao profesorado recuperar os 18 períodos lectivos semanais en Secundaria e os 21 en Primaria que lles foron recortados nos anos 2011 e 2012. Delegadas sindicais da CIG-Ensino e das outras cinco organizacións con representación no ensino público non universitario levaron a cabo esta mañá unha marcha arredor de San Caetano que culminou cunha concentración reivindicativa fronte ao edificio administrativo da Consellaría de Educación durante a cal se cantou unha copla coas reivindicacións principais do profesorado galego.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, apelou directamente o presidente da Xunta a que desbloquee a negativa a negociar esta devolución do horario lectivo, “despois de que se demostrase que a conselleira do ramo non ten peso político e que se limitou a transmitir meramente as consignas do seu xefe”. Así mesmo, Bermello pediulle a Feijóo que non siga coa escusa dos fondos que ten que achegar o Estado porque isto supón estar empregando o profesorado galego como refén diante das súas liortas co goberno de Madrid. Neste sentido, volveu recordar que en ningún momento a Xunta de Galiza lle devolveu ao Estado os cartos que aforrou con esta medida que supuxo a perda de miles de postos de traballo no ensino público galego.
Máis concentracións como antesala da folga
A seguinte acción está prevista para o día 21 de novembro. Todo o persoal docente está chamado a participar en concentracións simultáneas que terán lugar ás 19:30 horas nas sete grandes cidades galegas para reclamar que se devolva un dereito roubado que xa foi recuperado polo colectivo docente doutras sete comunidades do Estado. Desde a CIG-Ensino chámase a participar masivamente nestas mobilizacións, así como tamén na folga do 12 de decembro “para recuperar a dignidade do profesorado e do ensino público vilmente atacado polos gobernos da Xunta e de Madrid nos últimos anos”.
Lugares das concentracións do 21 ás 19:30
A CORUÑA | IES EUSEBIO DA GUARDA |
FERROL | EDIFICIO DA XUNTA |
SANTIAGO | PRAZA DO TOURAL |
LUGO | SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO |
OURENSE | SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO |
PONTEVEDRA | PRAZA DA FERRERÍA |
VIGO | MARCO |
Durante a concentración e posterior marcha as delegadas sindicais cantamos unha coplas, coplas que volveremos cantar nas concentracións do xoves 21.