Arranca o Correlingua 2026 baixo o lema “Co galego no corazón facemos a revolución”

Hoxe ten lugar en Compostela a primeira das 12 carreiras e festas que ateigarán de reivindicación e de celebración da nosa lingua a partes iguais vilas e cidades galegas e que teñen o estudantado como protagonista.

Hoxe ten lugar en Compostela a primeira das 12 carreiras e festas que ateigarán de reivindicación e de celebración da nosa lingua a partes iguais vilas e cidades galegas e que teñen o estudantado como protagonista. 

Coincidindo co mes das nosas letras arranca de novo unha edición do Correlingua que pretende levar aos espazos públicos a reivindicación, este ano revolución tal e como se recolle no lema, que supón falar e vivir en galego nos nosos días. Miles de estudantes desde o segundo ciclo de educación infantil até o ensino medio participarán nas carreiras e marchas pola rúa e nas festas con concertos de artistas e grupos de música infantil e xuvenil, concursos, lecturas de manifesto e entrega de premios incluídas que se levarán a cabo en 12 localidades galegas e que hoxe precisamente encetan andaina na capital galega. O calendario previsto para estas actividades é o seguinte: 

Descarga o cartaz completo

- Martes 5 de maio: Santiago de Compostela

- Mércores 6 de maio: A Coruña

- Xoves 7 de maio:  Moaña

- Mércores 13 de maio:  Monforte de Lemos

- Venres 15 de maio: A Estrada

- Martes 19 de maio: Narón

- Mércores 20 de maio: Ourense

- Mércores 20 de maio:  Ribadeo

- Xoves 21 de maio: Pontevedra

- Venres 22 de maio: Vigo.

- Venres 22 de maio: Lalín

- Mércores 27 de maio: Lugo 

Para a organización das carreiras e festas cóntase coa colaboración das catro deputacións provinciais e dos concellos das sete cidades galegas.

Outras actividades co prazo de inscrición aberto 

Como vén sendo habitual desde hai moitas edicións, as actividades do Correlingua prolónganse durante todo o curso e durante o mes de maio, ademais das festas, os centros educativos teñen aberto o prazo para anotarse noutras actividades en paralelo:

- CREALINGUA: 

Concurso libre de creación artística en galego. Abrangue múltiples formatos: vídeos, banda deseñada, programas de radio, blogs, tik tok... 

INSCRICIÓN: envío da proposta ao correo correlingua@correlingua.gal

Data límite para envío: 31 de maio de 2026 

O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador. 

- DESATA A LINGUA:

Coa mirada posta xa no Correlingua 2027 levaranse a cabo varios obradoiros de escrita dirixidos 1º e 2º da ESO impartidos por escritoras recoñecidas entre setembro e novembro do 2026 para grupos dun máximo de 25 alumnos/as por centro. Desas formacións sairá o manifesto da vindeira edición. Este curso participaron nesta actividade os seguintes centros: IES Antón Fraguas (Santiago), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), IES Xermán Ancochea Quevedo (A Pobra de Trives), IES Sanxillao (Lugo), IES do Camiño (Palas de Rei), IES de Ribadeo Dionisio Gamallo (Ribadeo), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES do Milladorio (O Milladoiro), IES Rosalía de Castro (Santiago), CPI de Mosteiro (Meis), IES Alfonso X O Sabio (Cambre) e IES Xograr Afonso Gómez (Sarria), e as encargadas de impartir os obradoiros foron as escritoras María Lado, Lucía Aldao e Antía Yañez. 

INSCRICIÓN: envío dun correo a correlingua@correlingua.gal

PRAZO DE INSCRICIÓN: do 1 de maio de 2026 ata o 30 de xuño de 2026

Manifesto edición 2026

“CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN”

Chegou a hora da revolución! E é cousa nosa. Das mozas e mozos que saímos ás rúas para defender a lingua con amor e intelixencia.

Chegou a hora! Porque… CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Unha revolución que é nosa porque somos presente e futuro da lingua. Porque queremos ser diversidade, empatía e respecto.

Porque nos preocupamos pola nosa cultura. Polo noso legado. Polo noso territorio. Pola nosa educación.

Porque non permitiremos que ningunha lingua deixe de latexar. E menos aquela que nos fai galegas e galegos. Aquela que fala de onde vimos e a onde queremos chegar.

E ti tamén podes unirte a esta revolta e dicir sen vergoña: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Ti, que non o falas todos os días, pero sabes falalo.

Ti, que o levas pegado na alma.

Ti, que o falas pero non en todos os sitios.

Ti, que queres aprendelo porque ves o mundo dende a curiosidade. Ti, que aínda non sabes que unha lingua pode medrar no teu peito. Ti, que non tes prexuízos.

Ti, que rompes cos prexuízos.

Ti… podes ser o futuro.

E berrar ben forte, para que todo o mundo escoite: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

E tamén vós, que coidades, ensinades, decidides e informades.

Vós, que abrazades e transmitides. Que podiades pasar, pero non pasades. Que vos preocupades polo noso porvir. Tamén vós podedes unirvos a esta marcha imparable, necesaria e xusta.

E podedes falar para que ningunha lingua quede muda. Para que se escoite ben lonxe que: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN

Pois a revolta máis poderosa é a que nos fai ser nós.

E CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Volver