Apróbase a recuperación da xubilación forzosa para o PDI laboral nas universidades públicas galegas

A CIG-Ensino asina, xunto co resto de sindicatos, un acordo que recolle a exixencia do sindicato de que non se perda ningún posto de traballo.

Nesta xornada tamén se acordaron as adaptacións necesarias polos cambios lexislativos e a apertura de negociacións dun novo convenio.

Na reunión da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo do PDI Laboral das tres universidades públicas galegas que decorreu na maña do día 7 de febreiro asináronse dous acordos que nacen das negociacións previas nesa mesma Comisión.

O primeiro deles fai referencia coa actualización normativa necesaria para acomodar o actual convenio coas modificación que se foron producindo recentemente, especialmente no quen afecta ás figuras do PDI reguladas na LOSU. Todos os cambios estaban aplicándose de facto mais cumpría trasladar esa realidade ao texto do convenio.

Ligazón á adaptación de cambios normativos.

Regular a xubilación no camiño correcto: frear a prolongación da actividade laboral e xerar emprego

Na reunión asinouse igualmente unha modificación do actual artigo 42, recuperando o que no seu día foi a regulación da xubilación forzosa do PDI laboral aos 70 anos, a mesma idade que o PDI funcionario.

A reforma das pensións deixara sen efecto ese artigo, polo que o PDI laboral podía prolongar a súa vida laboral na universidade, na liña de estendela todo o posíbel. Esta extensión está precisamente na liña dos últimos cambios impulsados desde o goberno estatal, criticada frontalmente pola CIG-Ensino Esa prolongación da actividade laboral provoca, asemade, un bloqueo no acceso a novo persoal docente e investigador.

Este é o texto finalmente pactado e que contou co apoio unánime das tres universidades e das catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT e CSIF, en orde de representación).

Ligazón ao acordo de xubilación forzosa.

Acordo para constituír a Comisión Negociadora do III Convenio Colectivo do PDI Laboral

O último acordo adoptado na reunión foi o de constituír a Comisión que se encargará de negociar un novo Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Comisión estará integrada por 15 representantes das universidades, cinco por cada unha delas, e 15 pola representación do PDI, cun reparto proporcional ao resultado das eleccións sindicais de 2023: 

CIG: 5, CCOO: 4, UGT: 3 CSIF: 3.

A primeira reunión, na que quedará fixado un calendario e se abordará xa a negociación do Convenio, terá lugar o venres 21 de febreiro.

Volver