
Aprobaches as oposicións? Pois hai cousas que debes saber...
A continuación, informámoste de todos os trámites que vas ter que realizar unha vez que superaches o proceso selectivo
Antes, recibe os nosos parabéns por ter acadado a túa praza!
- Participar no CADP
Terás dous días hábiles desde o seguinte ao que o tribunal publique a relación de aprobados no concurso oposición para participar no CADP. Precisarás ter chave365, dni electrónico ou certificado dixital para poder presentar a instancia na sede electrónica. Se precisas axuda estamos nos locais para botarche unha man.
Se es do corpo de Mestras pode serche útil, á hora de ordear as túas preferencias de centros, consultar o documento elaborado pola CIG Ensino cos cadros de persoal de educación infantil, educación primaria e educación especial coa identificación do tipo de xornada e a especial dificultade. Ligazón
CONCILIA. O persoal que supere o proceso selectivo terá un prazo de 2 días hábiles desde a publicación da relación de persoas aprobadas polo tribunal correspondente para pedir comisión por conciliación. Se xa a tiña concedida como persoal interino non ten que repetir esta solicitude, xa que a Consellaría mantenlla como funcionario/a en prácticas. Porén, sempre debe cubrirse a solicitude ordinaria.
SAÚDE. Non se abre un novo prazo como no caso de concilia. Só se pode pedir por CAUSAS SOBREVIDAS. A Consellaría abre un prazo extraordinario a finais do mes de agosto. Aquelas persoas interinas e substitutas que teñen concedida unha comisión por SAÚDE, se aprobaron a oposición POLO MESMO CORPO E ESPECIALIDADE, manteñen a solicitude e pásanlla automaticamente á modalidade de funcionaria/o en prácticas.
- Presentar a seguinte documentación na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
No prazo de 20 días hábiles desde a publicación no DOG dos aprobados, deberás presentar en RRHH a seguinte documentación:
a) Certificado médico. Chega co certificado impreso polo SERGAS, non é necesario o da FNMT (o dos estancos)
b) Declaración responsábel. Ligazón modelo de declaración responsábel, Ligazón a outro modelo de declaración responsábel.
c) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais (só no caso de ter denegado expresamente a consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais cando te matriculaches para as oposicións). LigazónEsta documentación podes enviala a través da sede electrónica cunha solicitude xenérica dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
- Tomar posesión do destino adxudicado no CADP
Faise no centro no que obteñas destino. A data da toma de posesión será o 1 de setembro no corpo de mestres e na data fixada para o inicio da impartición efectiva das clases nos restantes corpos, este ano o 15 de setembro. Desde o centro remitirán a documentación á Xefatura Territorial correspondente.
- Darte de alta en MUFACE
Unha vez que recibas o nomeamento como funcionaria en prácticas tes que pasar pola sede provincial de MUFACE para causar alta como mutualista e elixir a entidade médica (SERGAS, entidade privada). Cada ano, no mes de xaneiro e xuño poderás cambiar de entidade. Non fai falla dicirche que desde a CIG animámoste a escoller o SERGAS.
- Afiliarte á CIG Ensino
Este paso non é obrigatorio, mais si moi importante! Afíliate á CIG Ensino para sermos máis fortes.