Após a suspensión da folga xeral a CIG-Ensino empraza o novo goberno estatal a responder ás demandas do profesorado galego

A central mantén a convocatoria de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño ás 20 horas baixo o lema "Pola recuperación de dereitos XA"

A CIG acordou onte suspender a Folga Xeral pero manterase alerta e retomará a convocatoria “se o novo goberno do PSOE -e a correlación de forzas que o fixo posíbel- non derroga e anula as reformas laborais e das pensións, a LOMCE e a Lei mordaza que, entre outras medidas, motivaran a convocatoria prevista para o 19 de xuño”.

Os órganos de dirección do sindicato acordaron onte suspender a Folga Xeral que se presentara no seu día "como a moción de censura -que outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación de emerxencia nacional, social, política e institucional na que nos atopamos". Unha mobilización coa que se pretendía conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados co pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría parlamentar e cheo de corrupción, actuaba con total impunidade. 

Unha vez desaloxado o PP do poder, o resto de reivindicacións seguen plenamente vixentes polo que os responsábeis da central instan o novo goberno do PSOE a derrogar de forma inmediata aquelas leis máis lesivas para a clase traballadora, como a reforma laboral, que entre outras medidas nos penaliza por enfermar; a reforma das pensións, co incremento na idade de xubilación e dos anos de cotización para o cómputo da contía no caso do réxime xeral da Seguridade Social, ou a chamada Lei mordaza, que recorta dereitos e liberdades civís, retrotaéndonos a tempos propios do franquismo. No ámbito do ensino, agardamos que o novo executivo liquide canto antes a LOMCE polo seu carácter privatizador, elitista, segregador e centralista.

Porén, e dado que o propio partido socialista foi cómplice dalgunha destas medidas, a CIG manterase vixiante  ante o cumprimento destas premisas e mantén o carácter reivindicativo do día 19 de xuño. Por iso fai un chamamento aos traballadores e traballadoras, o colectivo de pensionistas, de desempregados, de estudantes... a todas aquelas persoas que sufriron os recortes e as consecuencias máis virulentas da crise a participar nas manifestacións que está previsto que teñan lugar en todas as vilas e comarcas galegas. 

Neste sentido, os seus responsábeis lembran que se deu un paso á fronte con valentía cando se convocou unha folga totalmente necesaria, sen que ningunha outra central sindical decidira secundala, e que nestes intres se opta por dar unha marxe de tempo para ver se se producen cambios por parte do goberno e do arco parlamentario que propiciou o desaloxo do partido corrupto do poder. Con todo, a CIG lanza o aviso de que se os cambios só se van apreciar nos cargos políticos e non nas políticas que se van executar nos próximos meses reactivarán a convocatoria de folga xeral no noso país.

XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS - 19 DE XUÑO

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada: Praza do Mercado, 20h

Vigo: A Doblada, 20h

Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte: Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

A CIG suspende a folga xeral

Após a suspensión da folga xeral a CIG-Ensino empraza o novo goberno estatal a responder ás demandas do profesorado galego

Documento


Volver