Após catro meses de parálise Educación aínda non convocou a primeira reunión de traballo sobre o Plan de igualdade

A CIG-Ensino urxe á Consellaría a que se poña en marcha efectiva a comisión negociadora dado que xa transcorreu un terzo do tempo legal estabelecido e non se facilitaron datos relevantes nin se convocou para a súa avaliación.

Logo de numerosas denuncias da CIG-Ensino por incumprimento da administración educativa en materia de igualdade, o pasado mes de xuño constituíuse, con anos de retraso, a comisión de negociación do plan co que por lei debe dotarse a Consellaría de Educación. Como único punto da reunión tratouse o regulamento de funcionamento e nel asumíronse por parte da Consellería a maior parte das demandas da CIG-Ensino, agás a de estabelecer unha reunión mensual, como así se fai nos plans de igualdade que a CIG negocia nas empresas.

Na mesa sectorial do pasado 15 de outubro exiximos dispoñer dos datos estatísticos precisos para a elaboración da diagnose da situación e ser convocadas para unha primeira reunión de traballo sen máis demora. Nese momento afirmouse que estaban reunindo os datos e nos convocarían “en breve”. Un mes despois seguimos á espera da convocatoria e os únicos datos facilitados son moi xerais e escasos: distribución por xénero total, en función da idade, do corpo e do vínculo coa Consellería. A maiores algunha cuestión sobre o goce de permisos e excedencias por conciliación e formación en igualdade. Nada temos aínda sobre retribucións, carreira profesional, denuncias recibidas e tramitadas de acoso sexual e/ou por razón de xénero, incapacidades temporais e permanentes ou violencia de xénero. 

A CIG-Ensino xa solicitara en outubro do 2023 este tipo de datos a través do acceso á información pública a través do portal de transparencia da Xunta de Galiza e catro meses despois, ante a falta de resposta, a través da Valedora do Pobo. É significativo que no momento no que a Valedora do Pobo requiriu á Consellería que facilitara os datos ao sindicato maioritario, esta os proporcionara en apenas uns días, por certo máis completos que os que agora facilita. Isto vén a demostrar que o atraso é máis produto da desidia que da capacidade técnica para obtelos. 

A irresponsabilidade da administración neste tema é alarmante, xa que en xuño de 2025 o plan ten que estar rematado e xa se consumiu un terzo do prazo sen iniciar sequera os traballos de análise dos datos. A CIG-Ensino cre na importancia de elaborar un bo documento que sirva como ferramenta para acadar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes nos centros de ensino e na elaboración dun protocolo de acoso que garanta os dereitos das vítimas. Somos conscientes de que isto precisa tempo e esforzo e non estamos en disposición de aceptar negociacións de última hora coa urxencia do prazo legal e que realmente non signifiquen ningún avance nin mellora na consecución dos obxectivos que nos marcamos.

Volver