A Área Pública da CIG censura o peche da oficina de Muface en Compostela
A Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís que presta asistencia sanitaria e social ao colectivo de funcionarios pecha a súa oficina en Compostela o próximo 30 de setembro
A oficina de Muface compostelá, ubicada no baixo do número 23 da Avenida Rosalía de Castro, ten previsto o seu peche o 30 de setembro, tal como se pode comprobar na súa páxina web, onde informan que a atención a partir desta data será a través da oficina de A Coruña, a única de toda a provincia. A Área Pública de CIG mostra o seu rexeitamento a este peche, unha oficina que dá servizo a centos de funcionarios no ensino e máis necesaria aínda nunha época na que na comarca se contabilizan até 400 novos funcionarios en prácticas só no ensino neste mes de setembro.

A Área Pública lamenta fondamente que o PSOE participe na mesma política de recortes ca o PP no empeoramento e até desmantelamento de servizos á cidadanía. A acumulación de eivas no acceso aos servizos sanitarios e sociais súmase ás dificultades que crea aos usuarios a atención telefónica, unha cuestión que prexudica gravemente ao funcionariado da comarca. Así, os funcionarios cando precisen o visado da inspección médica para determinados medicamentos soamente poden acudir presencialmente á oficina de A Coruña ou a través de correo postal, neste caso o visado será devolto polo mesmo medio.
A Área Pública da CIG lamenta que o Ministerio de Facenda non repoña os dous postos de traballo vacantes por xubilación e pechen así unha oficina que leva anos ofrecendo servizo a miles de mutualistas na capital. Deste xeito, en toda Galicia quedan abertas cinco oficinas, unha por provincia e a oficina de Vigo, que de momento continúa operativa.