Ao redor de 45000 rapaces e rapazas participaron na 16ª edición do Correlingua
O lema deste ano “O galego está en nós” estaba inspirado nun poema de Manuel María
Cada unha das carreiras rematou nunha festa final na que se deu lectura ao manifesto gañador e na que actuou un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros que seleccionaron como gañadores a Zënzar, Liviao do Marrao e Pito de Pikasso. Nesta edición contouse para conducir o acto da festa final co grupo teatral Talía Teatro que estivo presente na maioría das localidades.
O Correlingua é unha actividade que dura todo o curso escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.
A carreira pola lingua está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e as Deputacións de Lugo, Pontevedra e a Coruña.