Ante os últimos movementos da Consellaría a folga docente é máis necesaria ca nunca
Despois de dous anos de parálise e incumprimentos dun acordo que xa era de por si insuficiente para o profesorado a Consellaría está negociando por detrás medidas en materia de ratios e horarios en resposta ás mobilizacións.
A ninguén se lle escapa que a convocatoria de cinco días de folga en apenas catro meses, a participación masiva do persoal docente nas mobilizacións, o apoio das ANPA´s ás demandas do profesorado, que a estas alturas de curso manteñen as súas accións de protesta como se puido comprobar onte na Costa da Morte e case todos os días da semana na área da Coruña, están causando un fondo malestar na Consellaría de Educación. A última manobra pola súa parte veuse hoxe mesmo coa adhesión a este acordo dun sindicato, sen comentar en que termos, que non estaba a participar nas mobilizacións nin ten representación na Mesa Sectorial. Esta desesperación fai que mobilizarse a próxima semana secundando a folga e participando nas accións propostas, sobre todo no enterro do ensino público que se simbolizará o mércores 17 desde o Parlamento de Galiza até a Xunta, sexa a forma máis eficaz de conseguir avances reais para o profesorado galego.
Dous anos despois da sinatura en outubro de 2023 dun acordo “mal chamado de melloras” por parte do presidente Rueda e de tres sindicatos minoritarios non só non houbo ningún avance senón que mesmo estes levaron ao xulgado os incumprimentos recollidos no mesmo (no cómputo do alumnado con necesidade, nas ratios das aulas mixtas, na concesión de desdobres...) Ademais, o feito de que Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e as ensinanzas de réxime especial quedaran fóra absolutamente das medidas incluídas, fixo que este curso a CIG-Ensino plantexara mobilizacións contundentes que permitiran abrir negociacións para acadar melloras laborais reais para o persoal docente e do ensino público en xeral. Froito desas mobilizacións a Consellaría está a negociar na comisión de seguimento deste acordo medidas de redución do horario lectivo e das ratios na ESO. Para cando e como anuncialo son detalles que aínda se descoñecen pero o que está claro é que de haber algún avance este non se produciría se este curso o profesorado non se mobilizara masivamente xa que o acordo supeditaba estas baixadas no primeiro caso a que a xornada do funcionariado da Xunta pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa) e, no segundo, a iniciar a negociación ao remate da aplicación das novas ratios en infantil, isto é, no curso 26/27. O feito está en que en dous anos os mesmos sindicatos asinantes non foron quen de arrancarlle á Consellaría sequera que cumprise o acordado. Así, as mobilizacións do 16 e 17, coa convocatoria de dúas novas xornadas de folga e de marchas fúnebres que se están organizando para o martes entre centros de diversas localidades e a manifestación en Compostela o día 17 con saída ás 11:30 do Parlamento galego, teñen un significado crucial neste conflito laboral no que o profesorado está a dar exemplo de resistencia e de unidade.
A proba de que hai nerviosismo e movementos da Xunta de Galiza para intentar boicotear estas mobilizacións vímola nos últimos días coas chamadas das inspeccións para que nos centros se dea aparencia de normalidade e o alumnado leve as cualificacións do primeiro trimestre, dado que ao coincidir as xornadas de folga coas sesións de avaliación nalgúns centros isto non está garantido. O outro xesto que non lle pasa desapercibido a ninguén hoxe foi a adhesión ao acordo dun sindicato minoritario que nin sequera conta con representación na Mesa Sectorial e que xa non estaba a participar nas mobilizacións. O acto de sinatura, no que participou o conselleiro, foi convocado para medios de comunicación só gráficos, é dicir, sen xornalistas que puideran realizar algunha pregunta sobre o marco no que se produce ese acordo. Nos comunicados oficiais posteriores nada se aclara sobre que medidas se trataron para mellorar o ensino público galego e as condicións laborais docentes.
Á vista destes movementos, a CIG-Ensino chama ao profesorado galego a que agora máis ca nunca amose as súas demandas en materia de baixada de ratios en todas as etapas nun calendario asumíbel, na recuperación do horario lectivo de antes dos recortes, na dotación de maior persoal para atender á diversidade, na eliminación de burocracia inútil que detrae tempo da atención ao alumnado, na retribución salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, na mellora das condicións de traballo do persoal interino e substituto e na aprobación de dereitos que xa teñen noutros territorios como a redución de xornada lectiva para maiores de 55 anos. “A mellor e única forma que temos para facelo no que é xa un conflito no que o profesorado o está dando todo é secundando as folgas da próxima semana sen amosar o desgaste que a Consellaría quere insuflar ao negarse a negociar como si o fai noutros sectores, véxase a Sanidade, ou como o fan outras administracións despois de mobilizacións sindicais, como é o caso do goberno central”, sentenzan.

