Alumnado de vinte centros celebraron o Correlingua xunto á Torre de Hércules na Coruña

A festa, que fora aprazada polo temporal a semana pasada, estivo hoxe acompañada de moito sol e música

No acto final mesturouse a animación do cómico Fran Rei coa lectura do manifesto por parte de alumnado do CPI O Cruce de Cerceda, coa actuación de Mekánika Rolling Band e cunha entrega de premios. Mañá moi completa na que non faltou a popular carreira que desde hai 24 anos centra esta iniciativa arredor da promoción e defensa da nosa lingua entre o alumnado das etapas de infantil, primaria e secundaria organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino.

Esta xornada transcorreu a carreira e a festa do Correlingua que foran aprazadas a pasada semana polo mal tempo na Coruña. Arredor dunha vintena de centros de nove concellos participaron primeiro na carreira e despois no acto que tivo lugar na Torre de Hércoles, ao lado da estatua de Breogán. En concreto, asistiu alumnado da propia cidade da Coruña:
CEIP Alborada - IES Agra de Orzón- IES Monelos - IES Fernando Wirtz - IES Elviña - CEIP Torre de Hércules – CEIP San Francisco Xabier – CEIP Juana de Vega – CEIP de Zalaeta – CEIP Novo Mesoiro – CIFP Someso
Arteixo
CEIP Ponte dos Brozos
Cambre
IES Alfonso X O sabio, CEIP Plurilingüe Graxal
Oleiros
CEIP plurilingüe da Rabadeira – IES Miraflores
A Laracha
IES Agra de Leborís
Carral
IES DE CARRAL
Cerceda
CPI O Cruce
Bergondo
CPI Cruz do Sar
Cabana de Bergantiños
CPI As Revoltas

Para o desenvolvemento desta iniciativa contouse coa participación do Concello e da Deputación da Coruña e no acto de fin de festa a música púxoa o grupo Mekánika Rock and Roll que nos últimos anos formou parte do grupo de bandas premiadas no certame Cantalingua, no que participa como xurado alumnado dos propios centros educativos. Tamén participou activamente estudantado do CPI O Cruce de Cerceda que foi o encargado de ler o manifesto elaborado nos obradoiros Desata a lingua.

A semana que vén o Correlingua celebrarase o mércores, día 15, en Ourense no Auditorio e na Praza Maior.

Volver