Alba Nogueira, cabeza de lista do PDI Funcionario da USC

Hoxe, 18 de marzo, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, presentou en rolda de prensa os candidatos/as da CIG. Á parte de Anxo Louzao, asistiron os cabeza de lista das diferentes candidaturas: Alba Nogueira, cabeza de lista do Persoal Docente Investigador Funcionario (PDI Funcionario) da USC, Óscar Rodil, cabeza de lista do Persoal Docente Investigador Laboral (PDI Laboral) da USC, campus de Santiago; Duarte Santamarina, cabeza de lista do Persoal Docente Investigador Laboral (PDI Laboral) da USC, campus de Lugo; Carme F.P. Sanjulián, cabeza de lista do Persoal Docente Investigador Funcionario (PDI Funcionario) da UDC e Xulio Ferreiro, Cabeza de lista do Persoal Docente Investigador Laboral (PDI Laboral) da UDC.

 

O censo do profesorado a Universidade de Compostela ascende a 2546 profesores/as. Destes 1691 son funcionarios docentes que elixirán 23 representantes que conformarán a Xunta de Persoal Docente da Universidade de Santiago. O profesorado laboral elixirá dous Comités, correspondentes ao Campus de Lugo e Santiago. 684 profesores/as laborais do Campus de Santiago elixirán un Comité de Empresa de 17 delegados/as e 171 profesores/as laborais do Campus de Lugo elixirán un Comité de 9 delegados/as.

 O censo do profesorado da Universidade da Coruña ascende a 1514. Destes, 905 son funcionarios docentes que elixirán 21 representantes que constituíran a Xunta de Persoal Docente e 609 profesores/as contratados/as que elixirán 17 representantes que conformarán o Comité dos PDI laboral.

 Presentou a campaña e a candidatura o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen fixo referencia ao contexto no que se celebran estas eleccións, no que asistimos a unha ofensiva contra os dereitos laborais e os servizos públicos, sendo a CIG a organización que de xeito nidio e contundente está a dar unha resposta sindical acaída, sen claudicacións nin desleixo da nosa responsabilidade.

 Interveu Xulio Ferreiro, cabeza de lista do PDI Laboral da UDC, para expoñer as liñas mestras do programa que se condensan no lema da campaña en canto á defensa dunha Universidade Pública, isto é, entendida como un servizo á maioría social, e unha universidade galega, isto é, cunha concreción nunha realidade social determinada coa cal se compromete no desenvolvemento das súas potencialidades económicas, científicas, lingüísticas e culturais.

 Alba Nogueira, cabeza de lista do PDI Funcionario da USC, lembrou a actuación da CIG até agora como garante do cumprimento do programa presentado. A CIG traballou na defensa do programa no pasado e continuará a facelo se se revalida e incrementa a xa representación maioritaria para loitar contra a precarización e a segmentación do profesorado.

Volver