Acordo de xubilación parcial con contrato relevo para a ensinanza concertada aprobado polo Consello da Xunta de Galiza
A CIG-Ensino non asinará dito acordo por non dar resposta ás reivindicacións dos sindicatos, ao non atender unha soa emenda presentada e só reproducir o borrador presentado na mesa Tripartita, limitando este dereito e deixando grande parte do persoal fóra
Onte, 5 de xullo, o Consello da Xunta aprobou o Acordo de xubilación parcial con contrato relevo para o ensino concertado, reproducindo o mesmo borrador presentado pola Consellaría de Educación, na mesa Tripartita de “negociación” da ensinanza concertada, o 27 de xuño de 2024. A Consellaría non atendeu nin unha soa emenda presentada polas organizacións sindicais, limitando a mínimos o dereito á redución da xornada da prexubilización e excluíndo a grande parte do persoal en pago delegado, por mor dos limitativos requisitos esixidos, que só poden responder a “querer aparentar” e a “fins economicistas”, tal e como expuxo a CIG-Ensino na mesa negociadora.
Para a CIG-Ensino a Consellaría de Educación actuou con total desprezo e desconsideración cara a parte social ( non así cara a patronal que segue a ser a máis beneficiada e xa toda ela confirmara a sinatura na mesa tripartita), e o que é peor, aínda así contará coa sinatura das OO.SS maioritarias, que unha vez máis lle pasarán a man polo lombo á Administración, no canto de defender os dereitos do persoal que din representar e defender.
A finais de mes terá lugar o acto de sinatura, con foto incluída, ao que a CIG-Ensino por dignidade non acudirá, tratando de darlle as partes a relevancia e importancia que, por desgraza, non ten no seu contido. Un adianto de “vendelo a Consellaría como un grande acordo” témolo no anuncio previo na súa web.
Porqué a CIG-Ensino non asina este Acordo?
1º- Recoller só a redución da xornada para a persoa a prexubilar entre o mínimo do 25 % e máximo do 50 % da xornada, sen aceptar a opción do 75% de redución e facer un contrato indefinido á persoa remudista, limitando o que di a norma da Seguridade Social ( Lei que xa foi recortada nas últimas reformas das pensións coa sinatura de CCOO e UGT).
2º- Recoller literalmente “esixir 6 anos de xornada completa en pago delegado na empresa”, pois isto exclúe aos de xornada completa e con parte da xornada sen pago delegado. Ademais esiximos aclarar, sabendo como actúa esta administración (fins economicistas), que poidan ser en distintas empresas estes 6 anos, posto que senón as restricións serían maiores e moi inxustas (ate cambios de nomes poderían excluír).
3º- Non incluír aos de xornadas parciais (ate unha % como límite a negociar que podería ser de máis do 75% da xornada), máis cando se inclúen aos cooperativistas, que compartimos, que case todos teñen xornada completa ou poderana ter, e os empregados/as adoitan telas parciais. Tamén afecta a un colectivo moi amplo en todo o sector como son os especialistas.
4º- Carecer da obriga de ter que ir as patronais primeiro á lista de recolocación para elixir ao remudista e garantir o mantemento de emprego no sector.
5º- Non recoller nin sequera poder acumular a xornada parcial a facer, o persoal prexubilado que queira, e así rematar antes a súa vida laboral “. Medida que pedagoxicamente é máis favorábel para todas as partes e os cativos e cativas, sobre todo.
Accede ao “Acordo da xubilación parcial con contrato relevo” a asinar nesta ligazón.
Que pasa o resto do persoal traballador sen pago delegado?
Dende a CIG-Ensino recordóuselle ás patronais que o resto de persoal sen pago delegado era responsabilidade directa súa e deberían tomar nota, pois tamén teñen dereito a poder xubilarse de forma parcial.
Non houbo compromiso patronal e a resposta destas foi dirixida cara a administración, desentendéndose.
O peor, que os sindicatos maioritarios tampouco se comprometeron á súa reivindicación ante a patronal.
“A boas entendedoras, poucas palabras”.
Documento do Acordo e instrucións
- Instrucións
Primeira. Censo de xubilacións parciais
- Os centros docentes privados concertados elaborarán un censo, conforme ao modelo que figura como anexo II destas instrucións, no que indicarán a relación de persoas que previsiblemente poidan acceder á xubilación parcial ao longo do 2024, 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029 (neste caso ata 31.08.2029).
- O dito censo, que terá efectos informativos e de previsión orzamentaria no correspondente exercicio, deberá remitirse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ao longo do mes de xaneiro de cada ano.
No caso do exercicio 2024 esa previsión deberá achegarse no mes de setembro.
Segunda. Prestación de solicitudes de xubilación parcial e comunicación
- O persoal docente e as persoas cooperativistas que, no marco do acordo sobre xubilación parcial e da normativa de referencia, presenten solicitude de xubilación parcial ante a entidade xestora da seguridade social, ademais deberán presentar no seu centro de traballo a solicitude de xubilación parcial (anexo I destas instrucións) o mesmo día.
- A titularidade do centro remitirá ao departamento territorial da consellería competente en materia de educación nos 2 días hábiles seguintes a documentación indicada a continuación:
a) Solicitude de xubilación parcial (anexo I).
b) Solicitude de xubilación parcial presentada ante a entidade xestora da seguridade social.
c) O contrato de traballo de duración indefinida a xornada completa (25 horas lectivas semanais) incluídas en réxime de pago delegado cunha antigüidade mínima de 6 anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores á data de inicio a xubilación parcial.
- O departamento territorial da consellería competente en materia de educación comprobará o cumprimento dos requisitos do apartado 2.c) e que a redución da xornada do xubilado parcial e a conseguinte a distribución da xornada entre o contrato a tempo parcial e o contrato de relevo acaden a xornada lectiva completa de 25 horas semanais, de acordo co seguinte cadro (que se inclúe a título de exemplo):
Porcentaxe de redución (entre o 25 e o 50%)
Número de horas da xornada
Contrato a tempo parcial
Contrato de relevo*
25% (6,25 horas)
19 horas
6 horas
30% (7,5 horas)
18 horas
7 horas
35% (8,75 horas)
17 horas
8 horas
40% (10 horas)
15 horas
10 horas
45% (11,25 horas)
14 horas
11 horas
50% (12,5 horas)
13 horas
12 horas
*A natureza do servizo docente implica o axuste do número de horas de redución en todas as porcentaxes ao número enteiro. Este mesmo criterio aplicaríase nas porcentaxes intermedias ás incluídas expresamente no cadro.
- Se o departamento territorial constata que non se cumpre os requisitos para estar incluído no ámbito de aplicación do presente acordo de xubilación parcial, porá esta circunstancia en coñecemento do centro docente.
Terceira. Resolución de xubilación parcial: formalización do contrato de traballo a tempo parcial e do contrato de relevo
- No prazo de 2 días hábiles seguintes ao recoñecemento do dereito á xubilación parcial, a titularidade do centro remitirá ao departamento territorial correspondente: a resolución da xubilación parcial, o contrato de traballo a tempo parcial formalizado co persoal docente ou cooperativista parcialmente xubilado e o contrato de relevo.
- En caso de detectar algunha deficiencia na documentación presentada ou se esta está incompleta, o departamento territorial correspondente notificaralle esta circunstancia á titularidade do centro, concedéndolle un prazo de 2 días hábiles para envíe a documentación necesaria para emendar ou completar o expediente.
- Á vista do expediente completo, o departamento territorial efectuará as comprobacións pertinentes, e de ser o caso, incluirá no réxime de pago delegado ao xubilado parcial e ao relevista.
Cuarta. Extinción da pensión de xubilación parcial e comunicación
- A extinción da pensión de xubilación parcial ao acadar ao traballador xubilado parcialmente a idade de xubilación ordinaria prevista no artigo 205.1.a) do Texto refundido la Lei xeral da Seguridade Social ou a extinción polas demais causas previstas na súa normativa específica, implica a extinción da súa relación laboral e, en consecuencia, a extinción da obriga da Administración de aboar en pago delegado as retribucións e cotizacións á seguridade social correspondentes.
- A titularidade do centro docente privado concertado comunicará esta circunstancia ao departamento territorial correspondente cunha antelación de 2 meses respecto da de extinción da xubilación parcial.
Ligazón ao documento con estas instrucións