Aclaracións ás acusacións dalgúns dos asinantes da eliminación da xornada reducida de xuño e setembro

Calendario escolar

Diante da presión do profesorado contra os asinantes do acordo de eliminación da xornada reducida, estes sindicatos quixeron escudarse lanzando difamacións contra a CIG-Ensino, a única organización que non aceptou a eliminación deste tipo de xornada
Algúns asinantes da eliminación da xornada de verán deféndense do rexeitamento do profesorado calumniando á CIG-Ensino

O 20 de maio “La Voz de Galicia” facíase eco dunha nota de prensa de CCOO, UGT, CSI e ANPE na que acusaban á CIG-Ensino de “manipular e enganar” ao profesorado por continuarmos a defender o restabelecemento da xornada reducida de 4 horas durante os meses de xuño e setembro nos centros de Infantil e Primaria e Centros Públicos Integrados.
 
O argumento que utilizan é a sinatura da CIG do acordo do 8 de xuño de 2007 sobre a redución do horario lectivo do profesorado de 25 a 21 horas e a mellora dos cadros de persoal dos centros de Educación Infantil, Primaria e CPIs. Segundo eles, ese acordo levaba a aceptación da eliminación da xornada reducida. Isto é evidentemente falso como se pode comprobar na lectura do acordo.
 
Como ben sabe o profesorado e estes sindicatos, a xornada reducida matinal dos meses de xuño e setembro para alumnado e profesorado estabelecíase na Orde de Calendario Escolar. A súa supresión para o curso 2007/08 foi o que supuxo que a CIG-Ensino convocara unha folga secundada maioritariamente polo profesorado malia que os sindicatos arriba mencionados viñan de desconvocala e asumindo a supresión deste tipo de xornada para o devandito curso.
 
O comunicado só se explica como consecuencia de que o profesorado se manifestou masivamente en contra do asinado por estes sindicatos de eliminar a xornada reducida (acordo do 30 de abril 2007) como quedou en evidencia na consulta entregada na Consellaría, o día 20 de xuño, na cal o 78,55 % dos docentes afectados rexeitaron o dito acordo.
 
O comunicado só responde ao feito de que estas organizacións ratificaron, na negociación do calendario escolar para o ano 2008-2009,  a súa posición en contra do restabelecemento da xornada reducida no mes de xuño e setembro para o curso 2008/09, malia que o acordo que asinaron o curso pasado era exclusivamente para o curso 2007-2008. Esta actitude indignou o profesorado que outra vez, maioritariamente, se volveu a opoñer á posición destas organizacións, obrigando ás direccións destes sindicatos a inventarse estas calumnias para xustificarse diante dunhas bases que xa non aturan por máis tempo que actúen de costas a eles.
 
Os acordos están aí e o certo é que a xornada reducida foi liquidada para este curso co acordo do 30 de abril do 2007 e vén de ser suprimida para o curso que vén. Isto nada ten que ver co acordo asinado pola CIG o 8 de xuño de 2007 como se pode ler no seu contido ou mesmo lembrando o feito de que non deixamos en ningún momento de mobilizarnos contra a eliminación da dita xornada reducida aínda que asináramos dito acordo que si mellora as condicións laborais do profesorado e a calidade do ensino.
 
O uso da difamación e das calumnias é un recurso habitual cando non se teñen argumentos para defender as súas posturas, como é neste caso que non hai escusa para haxa organizacións sindicais que acepten e asinen a eliminación da redución de xornada de verán. 

Acordo de desconvocatoria da folga e aceptación da eliminación da xornada reducida do 30 de abril de 2007

Acordo sobre a redución de horario lectivo do profesorado e mellora dos cadros de persoal dos centros de Infantil, Primaria e CPI



Volver