
Aberto prazo para solicitar revisión medica
Só hai 10 días contando desde hoxe
Solicitua a túa revisión na seguinte ligazón
A Consellaría de Educación vén de anunciar na súa páxina web que este martes 1 de decembro comeza o prazo de 10 días para solicitar o recoñecemento médico, un dereito ao que temos acceso despois dunha longa batalla xudicial levada a cabo pola CIG-Ensino.
Desde o inicio deste curso, a CIG-Ensino vén denunciando o inxustificábel retraso en comezar a campaña de vixiancia periódica da saúde deste ano. Unha vez anunciada a apertura do prazo reiteramos a nosa denuncia ante a Administración tanto polo agachado da convocatoria como polo exiguo do prazo que se faculta para tramitar a solicitude. Por esta razón a CIG-Ensino esixiralle á Consellaría que se amplíe este prazo de 10 días para que todo o persoal docente teña acceso.
Para a CIG-Ensino, tamén é inaceptábel que se continúe privatizando o servizo e que non se convoque Mesa Sectorial para negociar as condicións dos recoñecementos e corrixir as eivas que denunciamos no seu momento. Por tanto, seguimos a exixir os seguinte:
Realizar todos os recoñecementos médicos na sanidade pública, como mellor defensa do que deberían ser os servizos públicos, universais, solventes e gratuítos.
Descentralizalos para que poida acudir todo o profesorado, independentemente da súa residencia ou centro de traballo, evitando facer desprazamentos longos.
De seren necesarios os desprazamentos, deben ser sufragados pola administración educativa, xa que é a responsábel de facilitar as revisións médicas aos seus traballadores e traballadoras.
Os recoñecementos deben ser máis completos, e prestar especial atención á perspectiva de xénero e ás doenzas propias dos docentes, no camiño do seu recoñecemento como enfermidades profesionais.
Mellorar a aplicación informática empregada o ano anterior.
Evitar demoras na asignación das citas e na entrega dos resultados.
Ter especial coidado coa protección de datos, xa que nalgúns casos non se respectou a privacidade.
Galeguización de todo o proceso: impresos e informes en galego. Nin sequera se garantiu o dereito a recibir a información en galego.