Aberto o prazo para solicitar o Fondo de Acción social desde hoxe até o 15 de maio

Tal e como denunciou a CIG un ano máis, e xa van once, mantéñense os recortes nestas axudas que se limitan exclusivamente á atención a persoas con discapacidade

O DOG publicou o 28 de abril a convocatoria de axudas do Fondo de Acción Social dirixida ás persoas empregadas da Xunta de Galiza correspondente a este ano, abríndose hoxe a prazo para presentar as solicitudes, que remata o día 15 de maio. Na resolución non se recupera ningunha das axudas que tiñamos até o ano 2012 a respecto de xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

 

Todos estes recortes no coñecido como FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado a limitación presupostaria que se impuxo naquel momento.
Na resolución publicada este ano a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, pasando dos 13.300 euros do ano pasado aos 13.510. A contía desta axuda fica en 2.160 euros por beneficiario/a igual que no ano 2021 e 2020, perdendo como mínimo o IPC que,  lembramos, rolda o 8% anual.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:
● Recuperación de todas as modalidades (axudas) do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.
● Recuperación dos importes sustraídos no 2011 e chegar ao 1% da masa salarial.
● Compatibilización das axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
● Que todas as axudas que se concedan sexa proporcionais ao nivel de renda das familias.
● Igualar as modalidades (axudas) ás que teñen dereito compañeiros/as que pertencen a MUFACE.
● Solicitamos que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral, por unha soa vez, ata que se perda o dereito a cobrala. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e, dado que vai case con dous anos de retraso, podería quedar sen cobrar se cambian as circunstancias da persoa causante e/ou a solicitante.
● No referido ás solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén por rexistro, tal como pararece no artigo 5.
● Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación debe facerse canto
antes para así podermos garantir o pagamento do FAS dentro do presente ano.
● Que estas alegacións da CIG cheguen a alguén con capacidade para cambiar o Fondo de Acción Social, e con vontade política para querer facelo.

Volver